"Ante o día nacional"

No Diario Oficial de Galicia do 1 de xaneiro de 1979 publicabase o decreto que fixaba a denominación como “Dia Nacional de Galicia” da festividade do 25 de xullo, sí, esa mesma festividade que na TVG chaman “día do apóstolo”, os do PP “día de Galicia” e os do BNG, FPG e NOS-UP “día da patria”.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 22/07/2010

Comparte esta noticia

Aos de Converxencia, como xente moderada e positiva, gústanos sentirnos dentro da legalidade institucional ainda que nunca a custa da dignidade, da xustiza e da democracia; polo que se ve máis que á TV que financiamos os contribuintes ou a dous dos tres partidos con representación no noso parlamento, incluindo a quen goberna con maioria absoluta, e cando podemos sentirnos dentro da legalidade institucional porque non estamos renunciando aos nosos principios democráticos sentimos unha dupla satisfacción; é certo que nos sentimos moi cómodos coa denominación oficial e legal da festividade principal dos galegos, e non dubidamos en usala desde o primeiro 25 de xullo que celebramos como forza política legalmente constituida o ano pasado en Fonmiñá, na comarca da Terra Chá, onde nace o pai Miño e continauremola usando este ano no encontro que celebraremos en Trazo, na comarca de Ordes.

En relación ao día nacional do ano pasado producese precisamente nesa realidade institucional unha novidade, a caducidade dunha determinada interpretación, que facíamos nosa, da Constitución Española do 1978 como un marco fexible no que a realidade plurinacional de España e a vontade libre e democrática dos pobos que a integramos, cun forte sentimento identitario, poderia encontrar acomodo.

A recente sentenza dun Tribunal Constitucional politizado, que non respecta nen as suas propias normas de renovación e que sanciona unha interpretación restritiva da CE do 78 marcando un teito ao autogoberno das nacionalidades ou nacións sen estado, quítanos a razón aos que defendiamos a plena vixencia democrática do texto do 78. A sentenza marca un teito que non respecta a vontade democraticamente expresada dos cidadáns, neste caso a vontade expresada en referendum polos cidadáns de Cataluña pero que podería hipoteticamente ser a dos cidadáns de Galicia.

Ninguén con fondas conviccións democráticas se pode alegrar de que un tribunal politizado e deslixitimado pase por riba da vontade democrática dun pobo, e é que non hai lugar para dogmas na democracia, non é aceptable en democracia obstaculizar a decisión dun pobo e cando os textos legais se convirten en encoros para obstaculizar a vontade dos cidadáns en lugar de servir como encauzamento desa vontade, estamos perante unha patoloxía do sistema en relación á sua adaptación ás regras do sistema da democracia occidental e eses textos deben ser reformados para adaptarse aos cidadáns e non deben ser os cidadáns os que se teñan que adaptar a ese texto en contra da sua vontade maioritaria.

Compre portanto comezar a darlle á reforma da Constitución a prioridade que merece, unha reforma da Constitución que conforme aos criterios da xustiza e da democracia non poña límites dogmáticos ás libres decisións democráticas dos pobos, unha nova Constitución que dunha vez por todas recoñeza en pe de igualdade a todas as línguas e culturas de España e polo tanto a todos os seus cidadáns independentemente da cultura á que pertenzan.

Unha nova Constitución que estableza unha separación de poderes clara, especialmente na despolitización da xustiza, a racionalización da administración pública coa eliminación das deputacións, a conversión do Senado nunha cámara de auténtica representación territorial con trato xusto ás nacións sen estado como a nosa, a implantación dun sistema tributario baseado no federalismo fiscal e a concentración de concellos.

A pelota está no tellado da partitocracia de PP e PSOE que son os que poden reunir a maioria de dous terzos necesaria para a sua reforma, partidos estes que por non ter xa non teñen nen o espírito da transición; dous partidos tan faltos de sentido de estado e tan irresponsables como para bloquear a reforma do Tribunal Constitucional, e como para ser incapaces ata de porse de acordo para nomear a un “Defensor del Pueblo” non lles pido que poñan en marcha a reforma tal e como eu a plantexo, sei que está a distancia sideral, especialmente nos plantexamentos de xustiza, eficiencia organizativa e de democracia dos seus caducos posicionamentos,  pero si lles aconsello que comecen a pensar en como aggiornar o proxecto común que chamamos España se non queren que cada vez sexa menos atractivo para quen prioriza a democracia e a liberdade, tanto individual como dos seus pobos, sobre os dogmas políticos e a imposición, a min desde logo, atraeme cada vez máis outro proxecto común que tamén comeza por E pero é un proxecto en construción, máis grande, máis adaptado ao novo escenario globalizado e ten os valores da democracia liberal moito máis consolidados: chámase Europa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA