Os peregrinos estadounidenses completan máis o Camiño de Santiago cós europeos

Investigadores da San Francisco State University de Estados Unidos presentan os resultados dunha investigación que mostra que o 95% dos peregrinos estadounidenses e o 85% dos europeos completaron a ruta xacobea polo menos unha vez. Ademais, os americanos usan máis os teléfonos intelixentes para percorrer o Camiño.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/07/2017 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

Os peregrinos que chegan de Estados Unidos e os europeos percorren o Camiño de Santiago de distinto xeito. Os primeiros usan máis as novas tecnoloxías como soporte e veñen menos veces a camiñar pola ruta xacobea, pero a completan máis cós europeos. Así o constataron investigadores da San Francisco State University, que veñen de presentar os resultados dun estudo comparado sobre o Camiño titulado 'Use of Mobile Technology and Smartphone Apps on the Camino de Santiago: A Comparison of American and European Pilgrims'.

Un peregrino ás portas de Santiago de Compostela
Un peregrino ás portas de Santiago de Compostela | Fonte: DUVI.

Robert C. Nickerson e Jamie Eng —autores da investigación— atoparon que "os estadounidenses e os europeos difiren no número de veces que fan o Camiño". Así, os europeos "fano máis veces" pero os estadounidenses "tenden a completar o Camiño de Santiago de Compostela máis cós europeos". En concreto, o 95% dos estadounidenses e o 85% dos europeos completan a ruta xacobea polo menos unha vez, segundo os resultados deste estudo. 

XEITOS SIMILARES, RUTAS DIFERENTES

Porén, os investigadores norteamericanos atoparon "poucas diferenzas no modo de viaxar" entre os peregrinos dun e doutro lado do Atlántico. De feito, constataron que a principal opción é "abrumadoramente a pé", aínda que tamén destacan a bicicleta e o cabalo como medios para a viaxe.

Nickerson e Eng tamén observaron que hai "pouca diferenza nos plans" para facer o Camiño, pero si "algunha diferenza" na ruta seguida, optando os estadounidenses principalmente polo Camiño Francés, mentres que os europeos tenden máis a percorrer as outras rutas xacobeas. Por exemplo, o Camiño portugués foi seguido polo 11% dos estadounidenses e o 13% dos europeos.

USO DE TECNOLOXÍA MÓBIL

O estudo afonda principalmente no uso da tecnoloxía móbil no Camiño. E aquí, uns e outros consideran que non é esencial para facer a ruta: o 74% dos estadounidenses e o 73% dos europeos estiveron moi de acordo ou de acordo con esta declaración. Con todo, os estadounidenses senten máis cós europeos que a tecnoloxía mellorou a súa experiencia

Os teléfonos intelixentes son a primeira opción dos dispositivos móbiles levados polos peregrinos: o 68% dos estadounidenses e o 61% dos europeos levan smartphones. Curiosamente, os teléfonos móbiles básicos son máis comúns entre os europeos (40%) que entre os estadounidenses (28%), mentres que as tabletas electrónicas son máis comúns entre os estadounidenses (21%) que entre os europeos (10%).

Co fin de calibrar o impacto da tecnoloxía móbil, o cuestionario preguntou aos enquisados como a tecnoloxía móbil mellorou a súa experiencia no Camiño. Para os estadounidenses e os europeos, a principal maneira é na capacidade de manterse en contacto con amigos e familiares a distancia. A localización dos lugares de hospedaxe e da propia ruta son considerablemente menos importantes.

O cuestionario tamén preguntou como a tecnoloxía móbil prexudicou a vivencia no Camiño. Principalmente, os enquisados senten que a necesidade de cargar os dispositivos de forma regular afecta a experiencia peregrina, pero, en xeral, con todo, os enquisados consideram que a tecnoloxía móbil non a prexudicou, aínda que os europeos (71%) mostran valoracións máis negativas cós estadounidenses (57%).

A aplicación dominante para os estadounidenses e os europeos é o correo electrónico, aínda que os europeos (74%) utilízano menos cós estadounidenses (92%). O uso de Facebook tamén foi relativamente alto na enquisa entre os norteamericanos (51%) e relativamente baixo entre os europeos (30%). Skype tamén é máis popular entre os estadounidenses (32%) que entre os europeos (11%). O uso doutras aplicacións variou.

Sobre as aplicacións de móbil específicas do Camiño, ningunha foi utilizada por máis do 19% dos enquisados. A máis utilizada entre os estadounidenses é "Camino-A Wise Pilgrims Guide", mentres que entre os europeos, as máis utilizadas son "Camino de Santiago-Camino Francis 2.0 (Maps)" e "Camino (Eroski)". Esta última aplicación xunto con "O meu Camiño de Santiago" eran máis populares entre os europeos que os estadounidenses, quizais, din os investigadores, porque "Camino (Eroski)" está dispoñible só en español e "My Camino de Santiago" está dispoñible en varios idiomas.

Por último, a maioría dos peregrinos (56% norteamericanos, 52% europeos) considera que as aplicacións para teléfonos intelixentes non son mellores que as guías de papel

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 papuxa

Foi unha marabilla en tempos, agora hai un andazo de quincallada paneuropea e de medio mundo, sobor de todo no Camiño portugués.Os peores e máis macarras son os españois que van en grupo, a pior das quincalhadas¡¡

1 Arturo

O cami;o de Santiago e unha maravilla. As'i, con todas as letras.