Temas: TURISMO PARO

A chegada do verán facilita uns bos datos de paro

O desemprego cae un 5% nun só mes e o volume de parados a nivel estatal é o mellor dende hai oito anos. O sector servizos, vinculado ao turismo, motor da recuperación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2017 | Actualizada ás 09:42

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en xuño en Galicia en 9.973 persoas con respecto ao mes anterior, o que supón un descenso do 5% no último mes, case o dobre que o rexistrado pola media (-2,8%).

Cola nas oficinas do INEM
Cola nas oficinas do INEM

Segundo os datos que publica este martes o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, na comunidade galega hai 17.655 desempregados menos que hai 12 meses, o que representa unha diminución do 8,52%.

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, o retroceso foi de 98.317 desempregados respecto ao mes anterior (-2,8%), o seu quinto mellor rexistro dentro da serie histórica. O volume total de parados alcanzou a finais de xuño a cifra de 3.362.811 desempregados, o seu nivel máis baixo desde xaneiro de 2009.

Dentro da serie histórica comparable, que arrinca en 1996, a evolución do paro nos meses de xuño foi maioritariamente descendente, con recortes en 21 meses e só un aumento, o de xuño de 2008, cando o desemprego subiu en 36.849 persoas.

O de xuño deste ano foi o quinto maior descenso neste mes dentro da serie, só superado polos de xuño de 2016 (-124.349 desempregados), de 2014 (-122.684 parados), de 2013 (-127.248 desempregados) e 2012 (-98.853 parados).

En termos desestacionalizados, o paro baixou en xuño en 21.668 persoas. No último ano o paro experimentou un descenso de 404.243 desempregados, o maior recorte interanual nun mes de xuño de toda a serie, a un ritmo anual de descenso do 10,7%.

OS SERVIZOS TIRAN DO CARRO

O paro baixou en xuño en todos os sectores, salvo na agricultura, onde subiu en 7.249 persoas (+4,5%). O maior descenso do desemprego rexistrárono os servizos, con 75.101 parados menos (-3,2%), seguido do colectivo sen emprego anterior (-10.249 parados, -3,3%); a construción (-10.168 desempregados, -3,09%), e a industria (-10.048 parados, -3,2%).

O desemprego diminuíu en xuño en todas as comunidades autónomas, lideradas por Cataluña (-18.102 parados), Andalucía (-10.324 desempregados) e Galicia (-9.973).

MARCA DE CONTRATOS

O número de contratos rexistrados durante o mes de xuño foi de 2.089.520, a cifra máis alta da serie histórica en calquera mes e un 8,8% superior á do mesmo mes de 2016.

En xuño de 2017 rexistráronse 166.462 contratos de carácter indefinido, o 7,97% do total, cun incremento do 12,2% sobre igual mes do exercicio anterior.

Temas: TURISMO PARO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta