O cooperativismo avanza en Galicia

Premios para Dalle que Dalle, de Vilagarcía de Arousa; a Cooperativa Galega de Educación Medioambiental (CEM), de Culleredo, e Terras da Mariña, de Lourenzá. No primeiro semestre deste ano as cooperativas creceron un 3,2% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 04/07/2017 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

Con motivo do Día do Cooperativismo, a Xunta, en colaboración co Consello Galego de Cooperativismo, entregou o pasado sábado os Premios á Cooperación 2017 e aos mellores Proxectos Empresariais Cooperativos dos centros de FP. As tres cooperativas premiadas nesta edición foron Dalle que Dalle, de Vilagarcía de Arousa, que recibiu o galardón aos valores cooperativos; a Cooperativa Galega de Educación Medioambiental (CEM), de Culleredo, foi premiada á mellor traxectoria; e Terras da Mariña, de Lourenzá, á mellor cooperativa nova.  

Conde canda os cooperativas premiados
Conde canda os cooperativas premiados

Galicia conta no primeiro semestre deste ano con 1.325 cooperativas activas, o que supón un 3,2% máis que no mesmo período do pasado ano. Do total, 510 cooperativas corresponden á provincia da Coruña (38,4%); 383 á de Pontevedra (28,9%); 243 á de Lugo (18,3%); e 189 (14,2%) á de Ourense. Nos seis primeiros meses do ano constituíronse 24 novas cooperativas na Comunidade: 13 na provincia de Pontevedra; 4 na de Coruña; 4 na de Lugo; e 3 na de Ourense. 

Con respecto aos premios aos proxectos empresariais cooperativos dos centros de FP, galardóns que forman parte do certame Cooperativismo no ensino, a Xunta concedeu un accésit compartido á iniciativa Identik3D, do EIS Imaxe e Son, da Coruña e a Piscinatura, do CIFP Someso, da Coruña. O premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo foi para Eficonter, do CIFP Someso da Coruña. 

 

Os premiados 

Cada cooperativa galardoada nos Premios á Cooperación 2017 recibiu 5.000 euros. Dalle que Dalle, galardoada polos valores cooperativas, está dedicada a xestionar un espazo coworking e a asesorar a emprendedores. É unha cooperativa de traballo asociado que destaca polo papel que xoga na difusión dos principios cooperativos e polo seu papel impulsor da economía e consolidación do tecido social a través de redes de cooperación entre emprendedores, empresas e entidades.  

 

A Cooperativa Galega de Educación Medioambiental (CEM), de Culleredo, que recibiu o premio pola súa traxectoria, está centrada na protección da contorna e do medio ambiente. Por último, a mellor cooperativa nova, a Terras da Mariña, está adicada ao cultivo da faba de Lourenzá. Resalta pola súa relevancia na contorna na que desenvolve a súa actividade e a súa repercusión positiva no eido económico, social e cultural ao recuperar e potenciar unha actividade tradicional mellorando as condicións de produción e comercialización. 

 

En canto aos mellores proxectos empresariais cooperativos dos centros de FP, a iniciativa Identik3D, do EIS Imaxe e Son, da Coruña, está centrada no modelado de 3D e o plan Piscinatura, do CIFP Someso, da Coruña, está baseado no deseño e construción sostibles. O premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo foi para Eficonter, do CIFP Someso da Coruña, dirixido ao eido da reciclaxe para mellorar, axilizar e transformar a construción convencional en algo máis eficiente. 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta