Temas: MúSICA

Terra de Fraternidade, novo festival en Santiago

Haberá artistas de Polonia, Mozambique, Ghana, Francia, Brasil, Etiopía, Colombia e Portugal, con cadansúa contraparte galega: Mercedes Peón, Raigañas, Habelas Hainas, Adrián Costa, Abe Rábade, The Lákazans e García MC. As bandas convidadas de fóra son Warsaw Village Band (Polonia), Selma Uamusse (Mozambique), Pat Thomas & Kwashibu Area Band (Ghana), Girma Beyene & Akale Wubé (Etiopía/ Francia) e Bixiga 70 (Brasil).

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/07/2017 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou onte no Concello a programación do festival Terra da Fraternidade, xunto con Vítor Belho, director artístico, e Mercedes Peón, unha das protagonistas deste evento. 

Presentación de Terra da Fraternidade
Presentación de Terra da Fraternidade

Tal e como afirmou Fernández, Terra da Fraternidade non é só un festival, “pretende ser un intercambio musical e cultural que quere achegar a diversidade musical do mundo ás nosas prazas”. A idea é “fomentar a interculturalidade conformando un relato dunha Compostela diversa, e descubrir as músicas do mundo e conectalas co local, sempre compartindo escenarios e espazos coa música galega”.

Vítor Belho, mentres, afirmou que este é un proxecto “que vai máis alá da programación festiva, para darlle un carácter máis ligado á realidade social”. E chamou a acoller, nunha cidade como Santiago que recibe millóns de visitantes,  ás persoas non só cun código relixioso, senón con códigos de apertura e intercambio cultural. Tamén animou a apartar o etnocentrismo e lembrou que “tamén hai estrelas da música noutras partes do mundo”. 

Pola súa banda, Mercedes Peón abrirá este festival o venres 14 cun proxecto a medias coa banda polaca Warsaw Village Band e o grupo de pandereteiras Raigañas. Trátase, segundo ela, dun espectáculo de “hibridación orgánica”.

Terra da Fraternidade é un festival que forma parte da programación das Festas do Apóstolo e que reivindica Compostela como terra de acollida de persoas e culturas de todos os continentes, a través dos sons, dos ritmos e da linguaxe universal que é a música. Do 14 ao 18 de xullo, a Praza da Quintana, na capital galega, convértese nunha especie de terra prometida para a diversidade cultural e musical do planeta en conexión coa cidade e co talento local. 

En cada unha das cinco xornadas combínanse artistas de culturas de tres continentes con cadansúa contraparte galega. Trátase así dun dobre concerto que inclúe a interpretación dalgún tema no que ambas as dúas músicas se fusionan. Deste xeito, a Praza da Quintana transfórmase á vez nunha sorte de viveiro creativo e de hibridación musical.

Terra da Fraternidade supón toda unha oportunidade para a descuberta das e dos artistas máis populares e sorprendentes de Polonia, Mozambique, Ghana, Francia, Brasil, Etiopía, Colombia, Portugal e, por suposto, Galicia.

ARTISTAS FORÁNEOS CONVIDADOS

Así, formacións como Warsaw Village Band (Polonia), Selma Uamusse (Mozambique), Pat Thomas & Kwashibu Area  Band (Ghana),  Girma Beyene & Akale Wubé (Etiopía/ Francia) e Bixiga 70 (Brasil) amosarán na capital galega as súas composicións propias, á vez que compartirán ritmos, creacións e micro con Mercedes Peón, Raigañas, Habelas Hainas, Adrián Costa, The Lákazans, Abe Rábade e García MC.

Trátase dunha selecta programación baseada na hibridación e fusión para bailar e gozar nun espazo único como a Praza da Quintana ao ritmo de sons da música tradicional, jazz, highlife, afrobeat e afrocaribeña, rap, blues, soul, folk, ethio, afrofunk, malinké, dub, candomblé, samba, cumbia, carimbó, kuduro…

Terra da Fraternidade é a programación coa que Compostela dá a benvida e acolle nas súas festas máis importantes e internacionais a culturas e a persoas de todo o mundo para visibilizar unha cidade diversa, plural e implicada na defensa dos dereitos das persoas e que aposta por unha sociedade aberta baseada na igualdade.

Eis o programa básico: 

14 de xullo: Raigañas + Mercedes Peón + Warsaw Village Band

15 de xullo: Habelas Hainas + Selma Uamusse

16 de xullo: Adrián Costa & The Criers + Pat Thomas & Kwashibu Area Band

17 de xullo: Girma Beyene & Akale Wubé + Abe Rábade + The Lákazans

18 de xullo: García MC & Nación Quilombo + Bixiga 70

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta