Cantos empregados hai na Xunta de Galicia e onde traballan?

A Xunta reivindica o aumento do seu cadro de persoal en 763 empregados públicos para chegar a unha cifra de máis de 87.000 traballadores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2017 | Actualizada ás 17:03

Comparte esta noticia

O número de empregados públicos da Xunta situouse en 87.262 efectivos a 1 de xaneiro de 2017, o que supón un incremento de 763 traballadores na administración autonómica respecto da mesma data de 2016, segundo reivindica a Consellería de Facenda.

Complexo administrativo da Xunta en San Caetano
Complexo administrativo da Xunta en San Caetano | Fonte: eldiario.es

Este aumento, segundo destaca o departamento de Valeriano Martínez a través dun comunicado, produciuse nos ámbitos da sanidade, a educación e a xustiza. En concreto, a cifra de efectivos públicos no ámbito sanitario creceu ata 34.568, que son 511 máis, a maior parte deles persoal sanitario, segundo explica a consellería.

Na docencia non universitaria, o número de empregados públicos da Xunta subiu ata 34.024, o que implica 61 máis nun ano. Facenda apunta que esta cifra non coincide coa incluída polo Ministerio de Facenda no boletín estatístico do rexistro central de persoal correspondente ao 1 de xaneiro de 2017, que se publicará esta semana.

E isto débese, segundo expón, á adaptación de Galicia en 2017 á normativa estatal, "que exclúe deste cómputo aos funcionarios docentes en período de prácticas, situación na que se atopan os que aprobaron a oposición e que exercen no seu primeiro curso escolar".

A Xunta si computa a este persoal docente (en 2017 son 994 en prácticas) xa que "son funcionarios de carreira que superaron unha oposición e que realizan o correspondente período de prácticas retribuídas dun ano que establece a lexislación do Estado", segundo incide a nota de prensa.

MENOS EN CONSELLERÍAS, MÁIS EN XUSTIZA

En canto ao ámbito das consellerías e da xustiza, a cifra de efectivos alcanza 15.902 e 2.768, respectivamente, de acordo cos datos que traslada a Xunta.

No primeiro caso supón un descenso de 42 efectivos e no segundo, un aumento en 233 persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta