Bruxelas abre unha investigación formal sobre a Mina de San Fins

A investigación iniciouse a partir dunha petición da Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo que foi admitida a trámite o pasado mes de xuño e que esta semana se acaba de facer pública.

Por Galicia Confidencial | Lousame | 12/07/2017 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia

O Parlamento Europeo, por medio da súa Comisión de Peticións, vén de de iniciar unha investigación formal sobre a situación existente nas Minas de San Fins, particularmente polo inicio dun proxecto de explotación que non foi sometido a avaliación de impacto ambiental e que supón o abandono de dúas presas mineiras de colas que implican “un elevado risco de contaminación”. 

Mina de San Fins, en Lousame
Mina de San Fins, en Lousame

Segundo informa o colectivo Vida e Ria ou Minaría, a investigación iniciouse a partir dunha petición da Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo que foi admitida a trámite o pasado mes de xuño e que esta semana se acaba de facer pública.

O Parlamento Europeo solicitou tamén á Comisión Europea que leve a cabo unha investigación preliminar sobre os distintos aspectos do problema e remitiu do mesmo xeito a cuestión á Comisión de Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria para a súa información. A partir desta semana, calquera persoa ou entidade se pode personar no procedemento, através do portal de peticións do Parlamento Europeo, sendo necesario rexistrarse antes (o proceso non leva máis do que un par de minutos en total).

Desde Vida e Ría convídase a todas as persoas que queiran coñecer a situación existente a que se personen na “Petición 0059/2017, sobre una mina de wolframio de Lousame, en Galicia”, e que deste xeito poderán recibir información puntual sobre o proceso de investigación aberto. Para iso é necesario rexistrarse primeiro como usuario no Portal de Peticións, confirmar o rexistro abrindo o correo electrónico de confirmación e adherir á Petición 0059/2017.

Desde Vida e Ría destácase tamén o traballo realizado pola eurodeputada Lidia Senra que ten presentado varias preguntas no Parlamento Europeo sobre a situación nas Minas de San Fins e os riscos sobre a Ría, contribuído para que nas institucións europeas exista interese por velar polo cumprimento riguroso da normativa comunitaria neste caso. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta