Unha investigadora da USC propón un método sostible para protexer a madeira con residuos forestais

Cristina Galiñanes Bello demostra na súa tese que a cortiza de piñeiro e a casca de castaña son as que proporcionan a mellor protección.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/07/2017 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

Un dos principais problemas do uso da madeira é a degradación que sofre cando se expón ao exterior, xa que a luz solar oxida a superficie cambiando a súa cor e provocando a aparición de fendas. Esta perda de cor é especialmente importante nas chapas de madeira tinguidas empregadas como recubrimento de taboleiros decorativos, xa que a cor das chapas debe ser a prescrita polo cliente. O método tradicional de protexer a madeira, e en particular esas chapas, fronte á luz solar é con recubrimentos superficiais como lacas, pinturas ou vernices, que cambian a aparencia achegándolle un aspecto máis plástico e que en moitos dos casos conteñen compostos tóxicos. Na busca dunha alternativa sostible a este caso concreto, a enxeñeira Cristina Galiñanes Bello centrou a súa tese doutoral na aplicación de extractos obtidos a partir de residuos do monte e das industrias forestal e alimentaria.

Madeira lista para ser procesada.
Madeira lista para ser procesada.

Galiñanes demostrou que eses residuos conteñen compostos con elevada capacidade antioxidante que actúan protexendo a cor da madeira da acción da luz solar, sendo os extractos da cortiza de piñeiro e os da casca de castaña os que proporcionaron a mellor acción protectora

A tese propón non só un tratamento sostible e ambientalmente aceptable para protexer á madeira fronte a degradación que sofre cando se expón ao exterior, se non tamén unha alternativa para a xestión e valorización dos residuos forestais e industriais estudados. 

O traballo ‘Fotoprotección de chapas de madeira tinguidas mediante taninos obtidos a partir de residuos forestais’ dirixírono as profesoras do Departamento de Enxeñaría Química da USC Julia González Álvarez e María Sonia Freire Leira e desenvolveuse conxuntamente entre o Grupo de Investigación Aproveitamento de Materiais Lignocelulósicos da USC e a empresa Aserpal S.A., que grazas a este proxecto poderá comercializar chapas de madeira tinguidas con estabilidade da cor mellorada. 

O tribunal encargado de avaliar a tese estivo formado polo profesor da USC Manuel Guaita Fernández, polo director científico da Fundación CETEMAS, Juan Pedro Majada Guijó, e pola científica do Instituto Nacional de Investigacións e Tecnoloxías Agrarias Eva Hermoso Prieto, que lle outorgaron a cualificación de sobresaliente cum laude, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta