Delio gaña a renovación

O ciclista moañés Delio Fernández seguirá dous anos máis no equipo profesional francés Delko-Marseille Provence KTM, co que aspirará a disputar algunha das grandes voltas. "Síntome valorado dentro do equipo e non foi difícil chegar ao acordo", apunta.

Por gcdeportes | Vigo | 14/07/2017 | Actualizada ás 09:01

Comparte esta noticia

Máis que merecida a renovación do galego Delio Fernández polo equipo profesional francés Delko-Marseille Provence KTM. O ciclista moañés, de 31 anos, continuará as dúas vindeiras campañas (2018 e 2019) no equipo de categoría Profesional Continental, onde xa leva dous anos e co que aspira a disputar algunha das tres grandes voltas.

Delio Fernández, coas cores do Delko-Marseille Provence KTM.
Delio Fernández, coas cores do Delko-Marseille Provence KTM.

“A noticia de hoxe de ter renovado co meu actual equipo, o Delko-Marseille Provence KTM, é un motivo de satisfacción para min. Aínda por riba, dous anos de contrato é unha mostra que me quixeron ofrecer de confianza, que confían en min. E pola miña parte, síntome valorado dentro do equipo e non foi difícil chegar a un acordo”, valora o moañés a renovación anunciada este xoves.

Sobre o futuro, Delio confía en que o equipo acabe disputando algunha das tres grandes. “É un equipo que está crecendo. Estamos aí petando ás portas das grandes voltas. Cada un destes dous últimos anos, o equipo foi crecendo pouquiño a pouco, e a idea de futuro é continuar así, polo que non foi difícil chegar ao acordo. Contento coa noticia, e esperemos que xuntos cheguemos a acadar máis éxitos”.

Trala desaparición do Xacobeo Galicia no 2010, Delio Fernández (Moaña, 17 de febreiro de 1986) tivo que emigrar ao ciclismo portugués, onde foi medrando como ciclista ata acabar sendo un dos dominadores do pelotón luso, xunto co arousán Gustavo César Veloso, nas filas do W52-Quinta da Lixa. No 2016, deu o salto ao seu actual equipo, o Delko-Marseille, para ser un dos xefes de filas do equipo francés. Este ano, tras disputar en xuño a Dauphiné Liberé, a fin de semana pasada Delio subio ao podio no Tour de Austria, segundo na clasificación xeral.

Delio Fernández, dous anos máis no Delko-Marseille.
Delio Fernández, dous anos máis no Delko-Marseille. | Fonte: @deliofernandez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta