Prata para Ana Peleteiro

A atleta ribeirense, cun mellor salto de 14,19 metros, a tan só tres centímetros da súa mellor marca persoal, segunda na proba de triplo salto no Europeo sub-23 que se disputa en Polonia, onde gañou a romanesa Elena Panturoiu (14,27).

Por gcdeportes | Compostela | 14/07/2017 | Actualizada ás 20:04

Comparte esta noticia

Prata no Europeo sub-23 e a tan só tres centímetros da súa mellor marca persoal. A ribeirense Ana Peleteiro ven de acadar a medalla de prata na proba de triplo salto nos campionatos de Europa sub-23 que se disputan na localidade polonesa de Bydgoszcz. A atleta galega acadou un mellor salto de 14,19 metros, moi preto da súa mellor marca persoal de 14,22.

Ana Peleteiro, contenta no podio de Bydgoszcz.
Ana Peleteiro, contenta no podio de Bydgoszcz. | Fonte: @RFEA

A atleta de Barbanza arrincou a proba cun salto de 13,69, e púxose líder tralo segundo intento con eses 14,19 metros. Pero na cuarta tentativa a romanesa Elena Panturoiu, a gran favorita, voou ata os 14,27 para acadar o primeiro posto. Tras un terceiro nulo, a galega saltou 14,12 na cuarta tentativa, pero quedouse en 12,74 e 13,90 nos dous últimos saltos. Prata, e oito centímetros que faltaron para o ouro.

Con este título e eses 14,19, Ana Peleteiro, afincada en Guadalaxara, confirma a súa espectacular campaña e retoma a senda emprendida no 2011, cando comezou a facerse habitual a súa presenza nos podios internacionais. Ese mesmo ano acadou o bronce no Campionato Mundial Xuvenil en Lille (Francia) e o ouro no Festival Europeo da Xuventude en Trabzon (Turquía). No 2012, campioa do Mundo júnior en Barcelona, que daría paso no 2013 ao bronce no Campionato de Europa da mesma categoría na cidade italiana de Rieti.

A principios deste mes, e despois de case cinco anos, Ana Peleteiro por fin conseguiu superar aquela marca (14,17 metros) coa que foi campioa mundial júnior. A ribeirense acadou o ouro nos campionatos de España promesa de Torrent (Valencia) cun espectacular rexistro de 14,22 metros, que segue a ser a súa mellor marca persoal. Agora, tras esta prata, Peleteiro acudirá aos Mundiais de Londres, para os que xa ten a marca mínima.

“Sólo aquellos que han acompañado este duro viaje saben lo importante que es esto para mí. He luchado y peleado hasta el último salto y me quedo con un segundo puesto y con una sonrisa en la cara que es lo más importante.  Solamente aquellos que pierden la cordura consiguen hacer cosas grandiosas”, escribiu Ana Peleteiro na súa conta de instagram, na que lle deu as grazas a Iván Pedroso, o seu adestrador: “Gracias maestro por confiar en mí y hacerme aprovechar las oportunidades que me da la vida”. E remata cunha mensaxe, coma sempre optimista: “Esto sólo acaba de empezar mi gente!!! Vámonos para Londres!!!”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta