Favorece a Consellería de Sanidade as pseudociencias e o intrusismo sanitario?

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas desmente ao conselleiro e nega que o seu departamento actuase no 100% das denuncias recibidas contra o intrusismo profesional. CoFiGa e o PSdeG denuncian que a Xunta concedeu axudas públicas a un centro de quiromasaxe que ofrece tratamentos físicos e emocionais sen profesionais cualificados.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/07/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Tan só nos últimos dous anos, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) ten constancia documental de presentar ante os distintos servizos de inspección sanitaria de Galicia un total de 28 denuncias por presuntos casos de intrusismo profesional sanitario, sen obter sequera resposta a 18 das denuncias presentadas.

Un fisioterapeuta nunha sesión de fisioterapia
Un fisioterapeuta nunha sesión de fisioterapia | Fonte: acostat.es

Estes datos achegados por CoFiGa chocan coa cifra achegada polo conselleiro de Sanidade, Jesus Vázquez Almuíña, quen o pasado 12 de xullo afirmou no pleno do Parlamento que desde 2015 o seu departamento actuou no 100% das 30 denuncias relacionadas co intrusismo profesional recibidas.

Vázquez Almuíña realizou estas afirmacións respondendo á interpelación presentada polo portavoz do grupo socialista no Parlamento galego, Julio Torrado, que reclamou da Administración sanitaria un incremento de medidas para defender á poboación dos perigos que conleva o intrusismo profesional en materia sanitaria, para poñer freo á aparición de disciplinas non científicas e de persoas que exercen sen a formación nin a titulación legalmente necesaria.

AXUDAS A UNHA EMPRESA DE QUIROMASAXE

Torrado tamén trasladou ao Parlamento a denuncia de CoFiGa de que o Goberno galego concedeu axudas públicas, a través do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica) a unha empresa que ofrece tratamentos físicos e emocionais sen que os seus titulares estean en posesión do título de Fisioterapia e Psicoloxía, as titulacións estipuladas por lei para poder aplicalos.

Manifestación en Vigo de profesionais da fisioterapia
Manifestación en Vigo de profesionais da fisioterapia | Fonte: COFIGA.

Trátase, segundo CoFiGa, dun "caso de irregularidades para o que, tal e como argumentou Torrado na súa interpelación, tras ser posto en coñecemento da Administración galega por parte dun colexio profesional sanitario, a única resposta obtida foi que «neste tipo de axudas económicas non se avalían os epígrafes profesionais dos solicitantes»".

Pola súa parte, Torrado denunciou que esta clase de actuacións constitúen por parte da Xunta unha "grave lexitimación" e "amparo" do intrusismo sanitario.

Este caso fai referencia ao requirimento realizado o pasado mes de abril por parte do CoFiGa, que o puxo en coñecemento tanto da propia Consellería de Sanidade como da de Economía, Emprego e Industria, achegando as probas documentais recibidas na corporación colexial. En concreto, CoFiGa denunciou supostas irregularidades detectadas no funcionamento dun centro de quiromasaxe QuiroPorto, en Cabanas (Ferrol), "rexentado e dirixido por unha persoa que carece da habilitación legal necesaria para exercer profesión sanitaria" e que, ademais, está subvencionado polo Igape como un proxecto de emprendemento.

Na denuncia de CoFiGa especifícase que a única formación coa que conta o responsable deste centro é un título adquirido na denominada Escola de Quiromasaxe Terapéutico Amacvi, na Coruña, a cal "non imparte unha titulación regulada que permita o exercicio da técnica de quiromasaxe, agás que o alumno estea en posesión do título de diplomado/graduado en Fisioterapia", expoñen os fisioterapeutas colexiados. 

CONTACTOS CON TODOS OS GRUPOS PARLAMENTARIOS

A interpelación presentada polo parlamentario socialista Julio Torrado foi froito da rolda de contactos que a Xunta de Goberno do CoFiGa mantivo recentemente cos portavoces de Sanidade dos diferentes grupos parlamentarios, nas que se lles informou sobre a situación actual da fisioterapia en Galicia e sobre os temas que máis preocupan ao colectivo.

"Consciente de que o presente e o futuro da Fisioterapia dependen en gran medida das decisións que se toman en institucións como o Parlamento de Galicia", a Xunta de Goberno do CoFiGa expuxo nesta rolda de contactos cos parlamentarios galegos aspectos como a conxuntura que viven os fisioterapeutas no sistema público de saúde e a necesidade de adecuar o seu número á crecente demanda da poboación, incluíndo novas prazas nas OPEs anunciadas; a importancia da Fisioterapia na atención á cronicidade e dependencia derivadas do progresivo envellecemento da poboación; a redución de custos asistenciais que supoñería unha adecuada implantación da Fisioterapia tanto en Atención Primaria como no ámbito hospitalario; a deterioración da calidade asistencial que se deriva dos baixos prezos que as aseguradoras de saúde abonan pola atención aos pacientes; así como a necesaria maior colaboración da Administración na loita contra o intrusismo sanitario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta