Gómez Noya, quinto en Hamburgo

O triatleta ferrolán mantén o terceiro posto na clasificación das Series Mundiais trala quinta proba en Alemaña. Tras ir segundo boa parte da carreira a pé, viuse superado no último quilómetro ata entrar quinto en meta, a 20 segundos do vencedor, o mallorquino Mario Mola.

Por gcdeportes | Pontevedra | 15/07/2017 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

Despois de nove semanas, regresou Javi Gómez Noya ás Series Mundiais cun quinto posto na proba de Hamburgo, disputada sobre a distancia esprinte (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pé), menos favorable ás súas condicións físicas.

Gomez Noya, campión de Europa por cuarta vez en Lisboa.
Gomez Noya, campión de Europa por cuarta vez en Lisboa.

O triatleta ferrolán foi segundo durante boa parte dos cinco quilómetros da carreira a pé, pero pagou o esforzo por tentar seguir o ritmo de Mario Mola, vencedor na liña de meta, e entrou na quinta posición, superado no último quilómetro por Jacob Birtwhistle, Ryan Sisson e Vincent Luis. Gómez Noya entrou a 20 segundos do mallorquino Mario Mola, quen repetiu triunfo en Hamburgo cun tempo de 54:08.

A quinta proba das Series Mundiais decidiuse na carreira a pé, tras chegar xuntos un pelotón de 45 triatletas á segunda transición. Pero Mario Mola entrou nos postos dianteiros, e comezou a tirar do grupo, e Gómez Noya, un chisco retrasado, tivo que facer un esforzo extra para alcanzar a cabeza da proba.

O ferrolán púxose segundo a 3.700 metros de meta, e con Ryan Sisson pegado ás súas costas, tentou seguir o ritmo de Mola. Non puido, e acabou pagando o esforzo nos últimos metros, superado por outros tres triatletas.

1.Mario Mola 54.08
2. Jacob Birtwhistle, a 12 segs.
3. Ryan Sisson, a 15 segs.
4.Vincent Luis, a 18 segs.
5. Javi Gómez Noya, a 20 segs.

Na clasificación xeral, Mario Mola, con 2.864 puntos, é o novo líder das Series Mundiais trala caída de Fernando Alarza cando ía coa bicicleta na man na T2. O talaverán afincado en Pontevedra é segundo con 2.743 puntos, por diante de Javi Gómez Noya, terceiro con 2.448. Cuarto é o británico Thomas Bishop con 2.004 puntos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta