Temas: EN MAREA

Os críticos saen debilitados do plenario de En Marea, que avala a Villares e a coordinadora

O sector crítico carga contra a actual dirección, á que acusan de converter a portavocía nunha "secretaría xeral". Con todo, as votacións déixanos nunha situación comprometida, especialmenre a Marea Atlántica, foco principal da crítica a Villares, que sae debilitada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/07/2017 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O plenario de En Marea apoiou a continuidade de Luís Villares como portavoz único da formación rupturista, logo de que a emenda á totalidade do regulamento da coordinadora presentada polo sector crítico fose rexeitada, de xeito que os críticos, e especialmente a Marea Atlántica da Coruña —particularmente crítica con Villares—, saen debilitados desta asemblea. Esta emenda, impulsada por 'Recuperar En Marea' (o grupo que engloba aos descontentos co rumbo tomado polo partido tras a elección da actual coordinadora), recibiu 241 votos en contra polos 209 emitidos a favor.

Plenario de En Marea
Plenario de En Marea | Fonte: Europa Press

No debate do regulamento da coordinadora, Mariano Fernández (Marea Atlántica) puxo voz aos críticos para acusar á actual dirección liderada por Villares de non respectar os acordos orgánicos do plenario fundacional de En Marea, celebrado en Vigo hai un ano.

Entre as propostas da emenda dos críticos con Luís Villares, incluíase que o cargo como portavoz fose ocupado por tres persoas e tivese carácter rotatorio e reclamábase unha "maior redistribución" do traballo entre os membros do Consello das Mareas.

"PARTIDO TRADICIONAL"

Así, cren que os órganos de dirección viraron cara a unha configuración de partido tradicional, no que a coordinadora exerce como unha "executiva tradicional" e a portavocía converteuse "nunha secretaría xeral". "Isto non é un partido instrumental, é un partido", concluíu Mariano Fernández.

Ademais, tras lembrar que os textos de Vigo "seguen vixentes", xa que non foron modificados no plenario celebrado meses despois en Santiago, fixo fincapé en que establecen que a función da coordinadora é "executar" os acordos do Consello das Mareas ou impulsar aquelas cuestións que "non poidan esperar" a ser ratificadas polo órgano máximo de dirección de En Marea.

Fronte a iso, lamentou que o papel orixinal do Consello das Mareas atópase actualmente relegado, pois este órgano, na súa opinión, quedou subordinado a "aprobar as iniciativas da coordinadora".

"TRATA DE CONFUNDIR"

No lado oposto, Ana Seijas, membro da coordinadora, acusou ao sector crítico de "tratar de confundir", xa que "as funcións seguen onde teñen que estar" e continúan sendo exercidas "polo Consello das Mareas".

"Non é certo que teñamos as funcións secuestradas", sentenciou, á vez que concluíu que non existe "xustificación" para impor un carácter rotatorio á portavocía.

ELIXIR A COORDINADORA DIRECTAMENTE

En paralelo a este debate, tampouco foi asumida pola maioría do plenario unha emenda parcial que propuña que os membros da coordinadora fosen elixidos directamente polos inscritos.

Finalmente, tras o debate sobre a coordinadora, a asemblea tamén rexeitou a emenda á totalidade presentada por 'Recuperar En Marea' sobre o regulamento do propio Consello das Mareas.

Temas: EN MAREA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 29 comentarios

1 antergo

Podemos fracasando estrepitosamente na tentativa de controlar o cidadanismo galego a través da sua filial corunhesa. Touna disfrutando hoxe.