Un récord colosal

A mugardesa Belén Toimil acada un novo récord galego de peso cun lanzamento de 17,38 metros, 47 centímetros máis que o anterior rexistro e mellor marca española do ano. Convértese na primeira galega en superar a barreira dos 17 metros.

Por gcdeportes | Pontevedra | 16/07/2017 | Actualizada ás 09:09

Comparte esta noticia

O 3 de xullo, 16,51 metros. Cinco días despois, 16,81. O pasado luns, 16,91. Tres récords en oito días. Pero chegou o Campionato de Galicia absoluto de Atletismo, este sábado en Pontevedra, e a mugardesa Belén Toimil lanzou o peso ata os 17,38 metros, batendo o seu propio récord galego en 47 centímetros e acadando a mellor marca española do ano. Unha progresión espectacular e un récord bestial (vídeo do lanzamento de Atletismo Galego), e a primeira galega en superar a barreira dos 17 metros.

Belén Toimil celebra ese salto de 17,38 en Pontevedra.
Belén Toimil celebra ese salto de 17,38 en Pontevedra. | Fonte: @GonzaloMSC

De xeito inmediato, Belén Toimil recibiu as felicitacións do mundo do atletismo nas redes sociais, como a da súa gran rival a nivel estatal, a murciana Úrsula Ruíz (17,26 este ano): "Muchas felicidades Pelean!!! Me alegro muchísimo. Tantas veces te dije que lo tenias al alcance de tu mano, que tus condiciones eran para lanzar muy lejos! Ya encontraste el camino ahora a seguir con paso firme, porque esto solo acaba de empezar!!! Enhorabuenísima!”

E todo con tan só 23 anos. Belén Toimil, que pertence ao club Playas de Castellón por quinta tempada consecutiva, adestra no Centro de Alto Rendemento de León baixo as ordes do técnico Carlos Burón.

O que non puido acadar o seu obxectivo foi o saltador de lonxitude marinense Jean Marie Okutu, que persegue a marca mínima (8,15 metros) para estar nos Mundiais de Londres. Okutu renovou o título de campión galego cun mellor salto de 17,81 metros, e terá unha nova oportunidade no Campionato de España ao aire libre os vindeiros 22 e 23 de xullo no estadio Joan Serrahima de Barcelona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta