Unha galega campioa e MVP

A viguesa María Araújo, elexida mellor xogadora do torneo, e a ourensá Paula Ginzo, ouro con España no Europeo U20 tras vencer 73-63 a Eslovenia na final en Matosinhos. A ala-pivote do Uni Ferrol promediou 13,5 puntos e 8 rebotes por encontro.

Por gcdeportes | Ferrol | 17/07/2017 | Actualizada ás 08:40

Comparte esta noticia

Fixo ben o Uni Ferrol en renovar axiña a María Araújo. A ala-pivote viguesa rematou unha campaña espectacular sendo elexida MVP do Europeo U20 no que España acadou o ouro tras impoñerse a Eslovenia por 73-63 na gran final en Matosinhos, a carón de Porto.

A xogadora do Uni Ferrol foi elexida tamén no cinco ideal do torneo xunto coa base húngara Agnes Studer, a alero eslovena Anamaria Prezelj, a española María Conde e a pivote rusa Elizaveta Shabanova.

“Tenía ganas de conseguir este oro para completar una temporada perfecta. Más contenta no puedo estar.”, dicía a viguesa nada máis recoller o trofeo de MVP, en referencia a incríbel tempada do Uni Ferrol, terceiro na LF tras chegar por primeira vez na súa historia ás semifinais do play-off polo título.

María Araújo recibe o trofeo de MVP do Europeo U20.
María Araújo recibe o trofeo de MVP do Europeo U20. | Fonte: @baloncestoFEB

María Pérez Araújo, a piques de cumprir 20 anos (1 de agosto de 1987), promediou 13,6 puntos e 7,9 rebotes por partido, firmando na final un dobre-dobre (17 puntos e 13 rebotes, máis dúas asistencias e 3 tapóns). Tamén foi decisiva no partido de cuartos de final, nos que aportou 21 puntos e 11 rebotes para vencer 67-53 a Hungría. En semifinais, quedouse en só 12 puntos e 8 rebotes contra Rusia (67-55).

Para a ala-pivote viguesa, saída da prolífica canteira do Celta e e xa con dúas tempadas de experiencia en LF co Uni Ferrol, “el MVP es para todo el equipo porque en cada partido han aparecido unas jugadoras diferentes.” Araújo sentenciou: “Hicimos un campeonato perfecto, ganando todos los encuentros y haciendo grandes partidos. Estamos muy contentas”.

Na selección española U20 había outra galega, a ourensá Paula Ginzo, con menos presenza en pista, pero que promediou 4,6 puntos e 3,4 rebotes en 10 minutos por encontro, sendo a máxima anotadora (18 puntos) na vitoria contra Suecia (87-48) da fase de grupos. Non participou en cuartos e semifinais, pero na gran final xogou 12 minutos e aportou 4 puntos, 2 rebotes e 2 asistencias. Dúas galegas de ouro, acompañadas polo preparador físico do Celta, Mario Muñoz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta