Temas: AP-9

A oposición aperta a Feijóo polo veto ao traspaso da AP-9

PSdeG, En Marea e BNG alíanse para tentar que o presidente dea explicacións na Cámara galega. O PP di que aínda non ten constancia formal da petición e que dará "encantado" os seus argumentos na Deputación Permanente

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2017 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, manifestou este luns o obxectivo de toda a oposición de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, teña que comparecer sobre o veto ao traspaso da AP-9 no Pazo do Hórreo, unha pretensión que comparte co BNG e que apoia En Marea.

Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9
Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9 | Fonte: PontevedraViva.

Finalizado o período de sesións na Cámara galega, a unidade dos tres grupos posibilita que se reúna a Deputación Permanente —o órgano director no Hórreo fóra do período ordinario— e apunta cara ao PPdeG, quen se remitiu á reunión da mesma, cando se produza, para definir a súa postura.

En concreto, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegurou que non ten constancia de que a petición se rexistrase formalmente e remitiuse á reunión da Deputación Permanente, se se demanda, onde os populares estarán "encantados" de dar os seus argumentos.

Previamente, noutra rolda de prensa na Cámara, Leiceaga insistiu en que Feijóo debe dar explicacións e esixiulle que rectifique tras "erosionar a posición de Galicia" sobre a AP-9. Os socialistas non entenden a "posición de complicidade pactada" do presidente co Ministerio de Fomento.

Tras insistir na importancia de manter unha postura unánime en Galicia, Leiceaga reprochou ao PP que diga "unha cousa en Galicia e outra en Madrid".

"NEGOCIO RUINOSO"

Leiceaga cualificou a autoestrada como un "negocio ruinoso para os galegos" e "un bo negocio para a empresa concesionaria e para a Administración". O traspaso a Galicia desta infraestrutura estratéxica supón, insistiu, "unha oportunidade no canto dun problema".

O parlamentario afirmou que dos ingresos derivados das peaxes da estrada (138 millóns en 2016), 45 millóns destínanse a tributos e outros 45 millóns "son beneficios para a concesionaria". Criticou tamén a posición do Ministerio de Fomento e apuntou que, "se non se lucrase, xeraríanse as condicións para facer unha rebaixa nas peaxes".

O portavoz socialista lembrou as propostas que xa formulou ao presidente na última sesión de control, cando o instou a romper relacións con Fomento e paralizar a comisión mixta da xestión da AP-9. Ademais, volveu a avogar por desprazar a Madrid unha comisión integrada por todos os grupos para trasladar a súa postura ao Congreso, onde a oposición incide reiteradamente no voto fundamental da súa presidenta e deputada galega do PP, Ana Pastor.

O BNG TAMÉN CRÍTICO CON FEIJÓO

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cuxo Grupo tamén demanda a comparecencia de Feijóo na Cámara, referiuse este luns ao traspaso da AP-9 e censurou que o mandatario galego diga que non é viable "por un problema de 7 millóns de euros", en alusión ao custo anual das peaxes bonificadas de Rande e A Barcala.

Neste sentido, pediu a Feijóo que explique "como Mariano Rajoy ten 4.000 millóns de euros para rescatar unhas ruinosas radiais madrileñas" mentres que o Executivo central se opón a transferir a Galicia a Autoestrada do Atlántico. E é que o Goberno central vetou por segunda vez o debate no Congreso dunha iniciativa unánime do Parlamento autonómico para pedir a transferencia.

Nun acto en Ferrol, Pontón advertiu que, ante esta situación, "non vale nin calar, nin a resignación" e chamou a "todos os galegos e galegas" a que acompañen á formación para, o 25 de xullo, facer unha gran mobilización en defensa da "dignidade" de Galicia e para pór en marcha "o cambio de rumbo que necesita".

APOIO DE EN MAREA E DECRETO DE INCLUSIÓN SOCIAL

Á súa vez, a través dun comunicado, o Grupo Parlamentario de En Marea mostrou o seu apoio á petición anunciada por PSOE e BNG co fin de que Feijóo compareza na Cámara "para render contas da súa xestión" respecto da transferencia da AP-9.

En palabras do seu portavoz, Luís Villares, as últimas declaracións de Feijóo "son escusas de quen non é capaz de convencer aos seus propios compañeiros da necesidade de respectar a decisión unánime do Parlamento".

Por outra banda, a forza rupturista tamén informou de que pedirá na Deputación Permanente a celebración dun pleno extraordinario para tratar o decreto de inclusión social, que "leva demasiado tempo paralizado mentres que miles de galegos seguen sufrindo".

En Marea considera urxente que o Parlamento trate o desenvolvemento do decreto da Risga. "Se algo xustifica a convocatoria dun pleno extraordinario no verán é a preocupación polos máis desfavorecidos", dixo.

"NON ENTENDEN DE QUE VAI A TRANSFERENCIA"

Preguntado na rolda de prensa que ofreceu tamén este luns, Puy precisou que aínda non lle consta unha petición formal, pero avanzou que estará "encantado" de poder explicar a posición do seu partido sobre o traspaso da AP-9, "unha vez que se convoque a Deputación Permanente".

Neste sentido, fixo referencia ás palabras de Ana Pontón nunha entrevista coa Cadea SER, na que acusou a Feijóo de ser "o maior obstáculo" para conseguir o traspaso da AP-9.

"Se alguén entende que a maior dificultade para que se efectúe o traspaso é o presidente da Xunta, é que non entende de que vai esta transferencia", criticou, á vez que alegou que esta petición foi formulada con anterioridade e o Executivo central sempre dixo que non, polo que a negativa "non ten que ver" con quen sexa o presidente autonómico en cada momento.

"DISCREPANCIAS" NO PP

Do mesmo xeito, Puy apuntou que este traspaso está a crear "discrepancias" entre membros do mesmo partido polo que "é evidente" que a Xunta "si que está a impulsar" esta iniciativa.

Por iso, incidiu en que o problema "está no Estado", xa que é o que "está a vetar" esta medida, e lamentou que a Pontón "lle preocupe máis" culpar a quen "non ten a culpa".

Puy defendeu que os populares "seguirán tentando" conseguir esta cesión e sumouse á necesidade de que haxa "unanimidade e apoio" entre partidos para "insistir" nese traspaso.

Por último, incidiu nas "cuestións" que "agora importan", como o financiamento. Faino na liña co argumento que defende Feijóo, quen avanzou que non aceptará un traspaso que supoña "máis gasto" para Galicia, en alusión ao custo das peaxes bonificadas, e quen defende "limpar" antes de cargas a transferencia.

Temas: AP-9
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta