Camiña En Marea cara a un Amio 2?

En xaneiro de 2012 o BNG celebraba a súa XIII Asemblea Nacional. Un cónclave que supuxo a fin do frontismo do BNG e a baixa de numerosos militantes e das súas formacións. Moitos dos seus dirixentes acabaron integrándose en En Marea e, cinco anos e medio despois, volven repetir as mesmas dinámicas de entón.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 18/07/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

"A dirección terá que saber interpretar estes resultados para que o proxecto do BNG se manteña unido e cohesionado e que non haxa ningún problema á crítica interna". Eran as palabras que pronunciaba Xosé Manuel Beiras en xaneiro de 2012, logo da histórica asemblea do BNG en Amio. "Os resultados demostran que o BNG é unha forza política plural, desde hoxe é necesario buscar o que nos une, pór en valor o que nos une porque a asemblea deu a radiografía do que ten o BNG", engadía Carlos Aymerich.

Ferreiro, Villares e Beiras no plenario de En Marea o sábado
Ferreiro, Villares e Beiras no plenario de En Marea o sábado | Fonte: Xurxo Guitián

Os dous presentábanse nun polo fronte a hexemónica UPG. "Fixemos un exercicio real de democracia que constata que imos cara a unha organización máis plural, diversa e democrática", respondía Francisco Jorquera, do sector oficial, no seu discurso final. Máis concreto, Guillerme Vázquez, o novo portavoz nacional daquela, indicaba que "non hai vencedores, nin vencidos" e tendía unha man ao sector crítico.

Un 5%. Esa era a porcentaxe final que a APU --o sector oficialista e triunfante-- obtivo de diferenza con respecto a Encontro Irmandiño e Máis Galiza, que integraban o sector cŕitico, nesa asemblea. Pouco despois, debido ás tensións internas e ideolóxicas, partidos como Encontro Irmandiño e Esquerda Nacionalista decidían abandonar o Bloque. A corrente Máis Galiza, a segunda forza máis votada tras UPG, e o Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista, realizaron asembleas propias para decidir a súa continuidade, decantándose ambas por abandonar tamén o BNG.

Unha división que supuxo o inicio do declive electoral do BNG. Tras esas escisións e a súa consecuente caída en votos e escanos nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2012, pasaba de 12 a 7 deputados, fronte aos 9 que entón obtivo Alternativa Galega de Esquerda, na que estaban moitos dos críticos.

Repetición?

Este sábado semella que se repetiron moitas das situacións de hai cinco anos e medio, aínda que noutra formación, En Marea. Estaban moitos dos dirixentes que entón abandonaron o BNG, aínda que en sectores diferentes, e tamén o sector oficial gañou ao crítico por unha escasa marxe, 7% dos votos.

E a pesar dos chamamentos á unidade do líder, Luís Villares, xa ninguén oculta a gran división interna que vive esta formación e que visualizaron os alcaldes da Coruña, Xulio Ferreiro, e Compostela, Martiño Noriega, coa súa ausencia o pasado sábado. Tamén a postura de Xosé Manuel Beiras, que fiel as súas contradicións internas, non se sabe se está dunha parte ou da outra, cando algúns lle piden que sexa, precisamente, o encargado de "cementar", novamente, En Marea.

"Ampliar o consenso"

"Son consciente de que hai iniciativas e achegas concretas sobre as que habería que falar canto antes. É necesario ampliar o consenso o máximo posible e a man está tendida desde hoxe mesmo. Hai que adoptar iniciativas internas para que teñamos un espazo de suma", apuntaba este luns o propio Villares tendendo pontes co sector crítico. O seu obxectivo é que o ocorrido o sábado non se traduza na ruptura do espazo de confluencia, posto que, ao seu entender, do debate "o único que debe saír sempre é a conclusión de que é necesario avanzar".

"Non hai ningún motivo de fondo de calado que xustifique que ninguén se vaia a descolgar da unidade popular. Temos todo por conseguir, a garantía dun sistema público que asegure os dereitos fundamentais, temos por conseguir un emprego digno que faga que a xente non teña que emigrar... Mentres todo isto non se consiga, todo o mundo debe permanecer unido", apelou.

Avisos

O sector crítico mantense á espera. Rafa Dopico avisaba, logo dos resultados do sábado, do escaso número de participantes deste cónclave, así como "o baleirado" e "a despolitización" que trouxeron a organización ata o punto en que se atopa. "A política da coordinadora supuxo baleirar o espazo, reconvertelo nunha cousa distinta... e co apoio de pouco máis de 200 persoas", criticaba. "Haberá que analizar os resultados e tomar decisións democráticas", indicaba.

Máis concreto era Noriega.  "Nada novo que dicir. Mantiven un perfil nas semanas previas do debate do espazo de En Marea nas que administrei os meus silencios de maneira consciente e hoxe non teño nada novo que dicir sobre o que xa non dixen nas semanas anteriores", xustificaba o alcalde compostelán ao ser preguntado sobre a súa ausencia no plenario.

"Agora estou absolutamente centrado no espazo da cidade e nas responsabilidades que teño neste ámbito...Non teño ningunha obriga de exercer como portavoz e tampouco ningún interese en facelo nestes momentos", dicía.

Con todo, o rexedor de Ferrol, Jorge Suárez, o único das grandes cidades que estivo na asemblea tentaba restar tensión e indicaba que o debate interno "segue aberto" porque aínda non está representada toda a pluralidade do espazo que "debe estar dentro do seo de En Marea".

O certo é que, a partir de agora, ambos os dous grupos teñen que ser conscientes de que teñen que recompoñer espazos, curar feridas e medir os tempos senón queren repetir dinámicas anteriores como aconteceu no BNG, e non acaben por converter o "espazo de referencia da cidadanía" que pretende ser en Marea, nun espazo residual. E tempo non lles queda moito. A primeira gran cita electoral asoma xa e todos estes problemas internos fan perigar a continuidade dos chamados "alcaldes do cambio" que serían os primeiros en sentir a disonancia entre as súas formacións e a cidadanía se, antes, non lle poñen remedio.

Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG
Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, e Francisco Rodríguez, líder da UPG, cando os dous compartían militancia no BNG | Fonte: Kopa
Beiras, Paco Rodríguez, e outros líderes da UPG e Anova cando estaban xuntos no BNG
Beiras, Paco Rodríguez, e outros líderes da UPG e Anova cando estaban xuntos no BNG | Fonte: www.bng-galiza.org
Villares e Beiras
Villares e Beiras
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 25 comentarios

12 Mauricio

Villares, pero ti que te cres quen es? Quen sodes a dirixir En Marea? Unha banda de cuatreros como Mario lópez Rico, Palleiro, a Victoria de Lugo que ansia ser deputada, o gran debate de agora de En Marea...os salarios, a pasta...qué vergonza de política. Desgrazados.

11 que se marche!!!!

Birrias anda e marcha dunha vez!!!! eu xa teño vergonza allea do que vai facendo o señorito iste, non e cousa do partido galeguista, nin do pe·$Oe nin do bloque, nin dos anovados-reanovados, nin da fpg, nin de irmandiños, nin do age, nin de upgas, nin de podreiros, nin de cerna... nin outras hoxtias en vinagre.... SEÑORES A CULPA E DEL!!!! marcha dunha fruta vez!!!!! que marches!!!!

10 samil

A culpa é da UPG!!!!!!!

1 O que queda do Bng

9 Comunistas de Soros

Non eran estes impresentables oportunistas os que ian trocar a política do réxime Bubónico expañol? Os da nova política? Pois si que mudaron dende Amio, de caralho! Estes non mudan mais que de chaqueta.

1 Bloque español

Outro blocallo vítima do de Amio. Por favor, que o Consello Nazional promova unha fundación de axuda para os que quedaron traumatizados con Amio2012. Outra fundación máis para blanquear os cartos cos que España compra o Bloque.

8 Veraz

Se Ferreiro non foi O Plenario o sábado, q fai votando ao lado de Beiras e Villares, q estaban sentados separadamente? O pé de foto e falso e a foto non corresponde ao sábado pasado, votouse coa cartulina da acreditación e esa da foto é de cor verde.

1 comunista independentista

Home claro. Todo é falso. A "noticia" non ten máis razón de ser que encirrar aos trolls bloqueiros de sempre para que desafoguen aquí as súas frustracións e traumas varios.

2 O Freire

Para ler noticias certas das Mareas de Podemos e IU hai que facelo en La Sexta de Planeta. E sendo do BNG, en La Voz de Malicia. Pois o grupo A3 Media, con La Razon e a familia de Lara, todo o mundo o sabe, son de esquerdas e plurinacionais, progres e soberanistas onde os haxa. E don Santi Rey Fdez. Latorre un preclaro nacionalista galego, defensor da patria e do idioma rexional. E tendo prensa tan amable, que apostan polo BNG e por Podemos, quen precisa desinformacion alternativa! Gocemos dos medios consolidados, estamos facendo p(a)is!