Puy destaca o carácter "aberto" do Parlamento galego cara á oposición, cuxas iniciativas supoñen máis do 80%

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, cre que a Cámara galega é "aberta ás iniciativas de impulso" e "control" ao Goberno por parte da oposición, que, no que vai de lexislatura, presentou o 80% das propostas tratadas no Pazo do Hórreo.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2017 | Actualizada ás 20:07 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, cre que a Cámara galega é "aberta ás iniciativas de impulso" e "control" ao Goberno por parte da oposición, que, no que vai de lexislatura, presentou o 80% das propostas tratadas no Pazo do Hórreo.

Pedro Puy
Pedro Puy | Fonte: Europa Press

Este luns, o popular fixo balance da actividade na Cámara galega durante o primeiro período de sesións da X lexislatura. Así, explicou que das 414 iniciativas debatidas nas 22 sesións plenarias, un total de 329 (o que supón o 80%) foron presentadas polos grupos da oposición; fronte ás 68 do Partido Popular.

Nesta liña, indicou que estes datos son un indicio de que a cámara "exerce a súa función" e está "moi aberta" ás ideas da oposición.

Neste sentido, destacou as máis de 200 reunións que se levaron a cabo nos 268 días naturais que van de lexislatura, que suman un total de 726 horas, case tres horas de traballo diario en comisións ou plenos.

726 HORAS; 2,5 COMPARECENCIAS CADA DÍA

Delas, como lembrou Puy, a máis activa foi a Comisión 3ª, que acumula un total de 115 horas en 49 xuntas. Séguenlle a Comisión 5ª, con 21 xuntas e 62 horas; e a Comisión 1ª, con 17 sesións e un total de case 41 horas.

Ademais, fixo referencia á media de comparecencias dos membros do Goberno galego nos plenos e comisións celebradas ata o momento, nos que o Executivo galego compareceu unha media de 2,5 veces cada día natural.

PROCEDEMENTOS LEXISLATIVOS

En canto a procedementos de natureza lexislativa, Pedro Puy indicou que foron aprobadas un total de catro leis: tres proxectos de lei e unha proposición de lei, todos a proposta do Goberno galego.

Entre os proxectos de lei atópanse o de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma; o de medidas fiscais, administrativas e de ordenación; e o de impulso do crecemento económico e reforzo do gasto social.

Así mesmo, indicou que polo momento se atopa en trámite o proxecto de lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

Doutra banda, a proposición de lei aprobada por unanimidade para presentar ante o Congreso dos Deputados foi a da transferencia de titularidade e competencias da AP-9 á Galicia.

DIFERENZA ENTRE PLENO E COMISIÓN

Neste punto, Pedro Puy comentou "o diferente talante" da oposición cando se debaten iniciativas nas comisións, onde se alcanzan maior número de acordos "por unanimidade" que nas proposicións debatidas en Pleno.

Así, en sesión plenaria aprobáronse un total de 50 proposicións non de lei, das que o 42% foron propostas pola oposición. Pola súa banda, en comisión foron aprobadas 127 proposicións non de lei, das que o 56% foron formuladas pola oposición.

Ante este resultado, Puy sinalou "unha maior discreción" como o factor que incide no maior número de proposicións aprobadas. Segundo el, a "menor visualización" dos acordos realizados en comisión motiva a que a oposición se abra máis a negociar, "aprobándose máis iniciativas con maior unanimidade" que no Pleno.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 PodíaSerPeor

Claro Puy! É mellor que os outros fagan o traballo de propoñer porque cada vez que o pepé "se arremanga" a cousa acaba fatal. Mira, parece que vd. aínda ten miolo asi que supoño que esta estratexia de que "que propoña a oposición e recollemos nós" é súa, e non só porque sexa rendíbel políticamente senón porque vd. parece que aínda lle quere algo a Gz. Pois grazas, lo.