Pontón (BNG) insiste en que se cre no Parlamento de Galicia unha comisión sobre o accidente

Cre que o sinistro "se podía evitar se houbese medidas de seguridade" e lamenta que a día de hoxe "non se tomaron"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2017 | Actualizada ás 17:47 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, volveu a insistir en Lugo na necesidade de que se cre no Parlamento de Galicia unha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario ocorrido en Angrois o 24 de xullo de 2013.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en Lugo.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en Lugo. | Fonte: Europa Press

"Estamos ás portas de lembrar este terrible accidente, que foi un dos episodios máis duros, a nivel emocional, que lembro e unha traxedia que todos os galegos levamos con pesar", manifestou.

Neste sentido, apelou ás persoas que "perderon a súa vida" "porque non se tomaron as decisións que se tiñan que tomar desde o punto de vista da seguridade". "Porque o que clama ao ceo é que ese accidente se podía evitar se houbese medidas de seguridade, e aínda a día de hoxe non se tomaron as medidas necesarias para que os trens circulen co RTMS no seu percorrido por Galicia", lamentou.

"A partir de aí nós defendemos e seguimos defendendo que ten que haber unha investigación xudicial, aí a Xustiza despois de moitas trabas está a abrir un camiño que esperemos que non se trunque e logo hai responsabilidades que non dirime a xustiza, que se teñen que dirimir nos parlamentos. O instrumento que nós temos para poder dirimir esas responsabilidades é unha comisión de investigación", reivindicou.

Pontón pediu ao PP e ao PSOE que "reflexionen sobre o veto vergoñoso a que se cre unha comisión de investigación no lugar no que pasou o accidente (Galicia)".

"Non falamos dun accidente que se produciu en Valencia ou en Madrid, estamos a falar dun accidente que ocorreu ás portas de Santiago. O que non é de recibo é que tendo un instrumento para investigar o que pasou, e investigalo desde o punto de vista de Galicia e non de Madrid, aquí péchense as portas dicindo que facéndoo no congreso todo está solucionado porque non mo creo", sostivo.

"VETO VERGOÑOSO"

A dirixente nacionalista afeou, finalmente e nas vésperas do aniversario accidente, que tanto o PP como o PSOE estean a desatender a "asociacións" que piden unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia, polo que apuntou que se pretende "salvar a cara" á entón ministra de Fomento, Ana Pastor.

"Gustaríame que ese fose o anuncio que se faga o 24 de xullo, que se abra o veto vergoñoso á investigación e que realmente o Parlamento de Galicia recupere a dignidade e credibilidade creando esa comisión de investigación, e se o PP non quere crear esa comisión de investigación é porque no fondo a quen quere salvarlle a cara é a Ana Pastor e a todos os cargos con responsabilidade nese momento", concluíu Pontón.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta