Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/07/2017 | Actualizada ás 20:16
O Nobel de Física Serge Haroche apelou a "atraer" á sociedade as aplicacións da ciencia básica xa que "un país que dirixe todos os seus esforzos só á ciencia aplicada está perdido". Do mesmo xeito, incidiu na importancia das ciencias sociais, que "deben mesturarse e complementarse", xa que "non pode haber ciencia sen filosofía, sen liberdade de expresión e de pensamento".
De todo isto deu conta este martes en Santiago, no marco da décimo segunda edición do programa 'Conciencia', que promove a Universidade de Satiago de Compostela (USC). Acompañado polo catedrático de electromagnetismo e director de 'Conciencia', Jorge Mira, Haroche reclamou unha "maior atención" á ciencia "por parte dos gobernos", á vez que incidiu en que a ciencia fundamental "é incompatible" coa "ganancia de diñeiro".
Ademais, recalcou que esta debe ir "por diante das necesidades da sociedade", para poder así "adiantarse ás incertezas do futuro". Por iso, ve necesario que "os gobernos financien o campo científico e incentiven ás empresas para "apoialo".
Neste sentido, sinalou a Xapón como o país que actualmente "máis atención" lle presta á ciencia, xa que inviste o 4 por cento do Produto Interior Bruto (PIB) do país neste campo.
En comparación, o investimento europeo en ciencia é de pouco máis do 2 por cento, pero segundo destacou Haroche, o Consello Europeo de Investigación financia proxectos de ciencia básica e, "dalgunha maneira", corrixe as "deficiencias dos propios países".
'CONCIENCIA'
O científico francés atópase esta semana na capital galega como convidado do programa de divulgación científica 'Conciencia', que chega á súa duodécima edición con esta visita, a trixésimo quinta desde o seu inicio.
O seu paso por Santiago culmina este mércores cunha conferencia, de acceso libre, sobre a relación entre investigación fundamental e innovación tecnolóxica. Terá lugar no Auditorio de Abanca ás 20,00 horas.
SERGE HAROCHE, NOBEL DE FÍSICA
Na actualidade, Serge Haroche é investigador e profesor en dous centros científicos representativos, o Collège de France e a Ècole Normale Supérieure, de París.
O premio Nobel foille outorgado ao físico, xunto a David J. Wineland, por descubrir un método experimental que permite "medir e manipular", segundo explicou Mira, sistemas cuánticos individuais.
É dicir, conseguiu observar partículas cuánticas --partículas básicas que forman os átomos-- sen destruílas. O que foi posible, tal e como explicou en rolda de prensa o propio físico, grazas ao "deseño de experimentos con láseres para observar como a luz interacciona coa materia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.