Proxecto galego para un equipo ciclista profesional

José Luis Chamorro, presidente do CC Rías Baixas, busca tres millóns entre empresas privadas e institucións para sacar un equipo galego de categoría Continental no 2019 e anuncia un convenio co bufete Gándara Moure para dar garantías xurídicas a futuros patrocinadores.

Por gcdeportes | Vigo | 19/07/2017 | Actualizada ás 08:19

Comparte esta noticia

Tres millóns de euros antes de setembro do 2018 para cumplir co soño de ter un equipo ciclista profesional galego. José Luis Chamorro, presidente do Club Ciclista Rías Baixas, aspira a acadar a financiación necesaria en catorce meses para dar o salto e conformar un equipo galego con licencia Continental no 2019.

Presentación na Deputación do CC Rías Baixas, con José Luis Chamorro a carón de Carmela Silva.
Presentación na Deputación do CC Rías Baixas, con José Luis Chamorro a carón de Carmela Silva. | Fonte: @CCRiasBaixas

A idea sería contar con maioría de profesionais galegos, con empresas da terra e tamén coa axuda das institucións públicas, e poder disputar a Vuelta a España xa no 2019. Para dar os primeiros pasos, Chamorro, acompañado polos ex-ciclistas galegos Álvaro Pino e Marcos Serrano, que participarían do proxecto, anunciou un convenio co bufete de avogados Gándara Moure, representado polo socio fundador Agustín Gándara, para dar garantías e seguridade xurídica a futuros patrocinadores interesados en aportar para a creación do equipo profesional.

“Hoxe é un día moi importante para o deporte galego, porque asumimos a iniciativa de crear un equipo profesional e colocar a Galicia de novo no máis alto do ciclismo internacional”, apuntou José Luis Chamorro, impulsor do proxecto dende a base do CC Rías Baixas, un dos principais equipos do pelotón galego amateur.

Galicia leva xa sete anos sen equipo profesional trala desaparición do Xacobeo, que competiu no pelotón profesional entre 2006 e 2010, obrigando á prolífica canteira galega a emigrar para dar o salto ao profesionalismo. Hai tres anos, unha iniciativa liderada por Jesús Blanco Villar, director do Club Ciclista Padronés, sondeou a posibilidade de dar o salto, cun proxecto máis modesto, pero non saiu adiante.

Agora, José Luis Chamorro principia as negociacións para atopar os patrocinadores necesarios antes de setembro do 2018, cando habería que inscribir o equipo na Federación e na UCI para a seguinte campaña. “Pido a políticos e empresarios que se impliquen, porque o noso proxecto situará a Galicia no lugar máis alto”, apunta o presidente do CC Rías Baixas, quen ve no equipo profesional “un servizo a Galicia” e no ciclismo “o mellor escaparate e o retorno máis seguro” para vender a riqueza dunha Galicia moderna.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Isabel Montero

Grande proposta e ilusionante para os amantes do deporte ciclista. Penso que abrindo á sociedade para que fixera donativos e participacións económicas, algo axudaría. Eu estou disposta a ingresar 50 euros.