Temas: TRANSPORTE

As empresas de transporte rexeitan o plan da Xunta

Anetra, Fegabús e Transgacar interpoñen recurso contra o procedemento administrativo da Xunta. Buscan a anulación do prego de condicións do concurso, dos 41 proxectos de explotación e das invitacións remitidas ás empresas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/07/2017 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

As federacións empresariais Anetra, Fegabús e Transgacar interpuxeron un recurso ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais contra a primeira fase do plan de transporte da Xunta e o seu procedemento administrativo.

Estación de autobuses de Santiago, na primeira xornada de folga
Estación de autobuses de Santiago, na primeira xornada de folga | Fonte: Europa Press

En concreto, estas patronais buscan a anulación do prego de condicións do concurso, dos 41 proxectos de explotación, das invitacións remitidas ás empresas para que presentasen ofertas e das resolucións da Dirección Xeral de Mobilidade que deron cobertura este mesmo mes ao que consideran "controvertido" plan e ao procedemento de adxudicación directa.

Tamén pretenden que se suspenda o expediente de contratación ata que o tribunal resolva sobre o fondo do asunto, segundo explican a través dun comunicado.

"A inamovible posición mantida pola Xunta de Galicia en relación ao seu plan de transporte público, un proxecto que transcorrido o período de alegacións confírmase que condena ao sector a unha complexa situación de incerteza e inestabilidade, deixou finalmente unha única porta ás empresas e a tres das federacións que as representan: os tribunais", destacan.

Ademais, Anetra, Fegabús e Transgacar apuntan que lles constan que "distintas compañías de autobuses" tamén seguiron pola súa conta un camiño "similar".

A base principal da súa impugnación, segundo indican, é "precisamente o camiño elixido pola Administración neste procedemento", é dicir, a adxudicación "directa" dos contratos no canto de utilizar un procedemento aberto.

VÍA EXTRAORDINARIA

Esa vía ten un carácter extraordinario e a Xunta, segundo estas federacións, "practicamente non xustifica o seu uso, salvo cunha puntual referencia nos pregos ao manido argumento de que en agosto supostamente poden quedar sen servizo decenas de liñas de autobús".

As patronais insisten en que a conselleira "pode ampliar un ano máis o prazo que ela mesma fixou para este agosto como data de caducidade do deber que impuxo ás empresas para seguir atendendo as rutas mentres tramitaba e redactaba o seu plan".

Pero, a maiores, no seu escrito de impugnación lémbranlle que "ese camiño excepcional da adxudicación directa só podo seguirse se a Administración non é precisamente a responsable desa urxencia", e resaltan que "foi ela quen lanzou en 2009 un plan de modernización finalmente anulado polo Tribunal Supremo e quen puido iniciar xa fai máis dun ano un procedemento de contratación aberto que dese completas garantías á libre competencia".

Outro argumento contra o proceso elixido pola Xunta é, subliñan, o límite económico, "pois non podería recorrerse a ese procedemento directo en contratos de máis de 100.000 euros".

Pero a "consideración máis rechamante" das que presentan as federacións, segundo elas mesmas chaman a atención, "vai ligada ao transporte escolar", dado que esa "suposta urxencia" que aduce a Consellería de Infraestruturas "sería completamente incongruente coa decisión adoptada en relación aos moitos contratos que estaban garantidos ata o ano 2020 e que a Xunta, unilateralmente, optou por resolver para diluír o servizo escolar no transporte de uso regular".

CONTRATOS DEFICITARIOS

O recurso incide tamén en" moitas" das cuestións xa reiteradas polos representantes empresariais nas pasadas semanas, como a que ven "evidente insuficiencia económica" dos contratos, que advirten que "complicará ou case imposibilitará o cumprimento dos deberes que se están negociando cos sindicatos", ou a "inexistente concreción dos traballadores que supostamente deberían beneficiarse da subrogación laboral".

O obxectivo da interposición deste recurso, segundo expoñen, "é o mesmo polo que o tres federacións avogan desde que comezou o conflito": "que a Administración gañe tempo para reformular o seu plan de transporte público e evite o período de inestabilidade no que se situará o sector tras a adxudicación dos novos contratos".

De feito, a revisión dos proxectos finais, realizada estes últimos días de face á presentación das correspondentes ofertas, "confirmou os temores das empresas", valoran, "condenadas a elixir entre quedar sen carga de traballo ou optar a unhas concesións ruinosas".

Temas: TRANSPORTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta