En Marea non descarta unha actuación conxunta co PSOE para depurar responsabilidades polo accidente

Yolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso, celebra o cambio de postura do PSOE ao solicitar este mércores na Cámara Baixa unha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia e non descarta que en setembro se poida levar a cabo unha actuación conxunta.

Santiago de Compostela | 19/07/2017 | Actualizada ás 15:01 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Yolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso, celebra o cambio de postura do PSOE ao solicitar este mércores na Cámara Baixa unha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia e non descarta que en setembro se poida levar a cabo unha actuación conxunta.

Yolanda Díaz
Yolanda Díaz | Fonte: Europa Press

Díaz lembrou en declaracións aos xornalistas no Congreso que a proposta que fixo no seu día En Marea que chegou ao pleno da Cámara non saíu adiante polo voto contrario do PP e do PSOE. Pero deixou claro que os protagonistas son os familiares das vítimas. "Ademais, estamos moi preto do día 24, día en que transcorreron os feitos", salientou.

Explicou tamén que cando En Marea tentou que esta iniciativa fose presentada de maneira conxunta, na tarde deste martes, finalmente o PSOE comunicoulle que querían presentala eles sós.

"Respectámolo moitísimo e estou segura de que de aquí en diante imos cooperar e a traballar xuntos sobre todo no fundamental: depurar as responsabilidades foren quen foren os executores das mesmas, fóra do partidismo político e sobre todo chegando ao elemento central que pide a asociación, que é que exista transparencia, reparación e xustiza", recalcou.

En Marea non descarta que en setembro se poida facer unha actuación conxunta. "Quizais a actuación conxunta o que fai é gañar forza e solvencia sobre todo para tentar atraer ao PP a esta causa", indicou Díaz.

Ao seu xuízo, "sería saudable que nunha democracia o PP viñese a esta cuestión e puidésese sacar adiante esta necesaria comisión de investigación despois do que dixeron os tribunais e sobre todo a Comisión Europea".

Na súa opinión, a plataforma de afectados merécese este acto conxunto que dependerá, segundo dixo, do que decida o PSOE. Asegurou que En Marea non fai partidismo e defendeu demostrar que sempre estivo coas vítimas. "Todo o que contribúa a esclarecer a verdade do sucedido, En Marea vaino a apoiar", concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta