Vítimas interveñen o xoves no pleno de Santiago, que abordará un texto do BNG para esixir o 'ERTMS'

Adif adxudicou a instalación deste sistema en xullo de 2015 e en xaneiro de 2016 Siemens dixo que empezaban as obras

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2017 | Actualizada ás 07:20 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Unha representación da plataforma de vítimas do accidente do Alvia ocorrido no barrio compostelán de Angrois en xullo de 2013 intervirá este xoves no pleno do Concello de Santiago.

Protesta de las víctimas de Angrois
Protesta de las víctimas de Angrois | Fonte: Europa Press

Farao coincidindo co debate dunha iniciativa do BNG sobre a activación do sistema de control da velocidade 'ERTMS', e tras a invitación expresa dos nacionalistas.

Despois disto, a asociación cursou unha petición de intervención que foi rexistrada o martes a nome dun dos seus portavoces, Arturo Domínguez, cuxo irmán --o presidente da plataforma, Jesús--, as súas sobriñas e a súa cuñada viaxaban no tren.

Acompañaralle Esperanza Fernández, cuxo pai e cuñada faleceron no sinistro do convoi, no que tamén ía o seu irmán.

Fontes do grupo do Bloque explicaron a Europa Press que aínda que deberá ser a xunta de goberno --o propio xoves-- a que decida, o habitual é que todas as solicitudes de intervención sexan aceptadas, e que se desenvolvan ao comezo do pleno --isto é un acordo tácito--, previsto para as 16,30 horas.

CATRO ANOS DESPOIS

A proposición dos nacionalistas busca esixir a activación do 'ERTMS' e critica que catro anos despois do descarrilamento na curva da Grandeira este sistema "non está operativo".

E é precisamente a retirada do 'ERTMS' dos últimos quilómetros da liña Ourense-Santiago --xusto antes da estación da capital galega, onde hai unha curva que obriga a reducir a velocidade duns 200 a 80 quilómetros por hora-- a que motiva a imputación ao exdirector de seguridade na circulación de Adif.

Este alto cargo está investigado na causa xudicial pola traxedia xa que, segundo considera o xuíz e ratificou a Audiencia Provincial, a avaliación de riscos preceptiva presenta deficiencias, ao non haberse actualizado ao producirse o mencionado cambio de proxecto (no orixinal, o 'ERTMS' si abarcaba a totalidade do traxecto).

En xullo de 2015, dous anos despois do sinistro, Adif adxudicou ao consorcio formado por Alstom, Siemens e CAF, por 63,2 millóns de euros, o contrato de instalación deste sistema de seguridade e protección no Eixo Atlántico, entre A Coruña e Vigo, así como na curva da Grandeira, en Angrois.

En xaneiro de 2016, a compañía Siemens informou de que empezaban as obras de instalación do sistema tanto no Eixo Atlántico, como na contorna da estación da capital santiaguesa.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta