A Xunta e o Instituto de Crédito Oficial mobilizan 55 millóns de euros para financiar pemes e crear tecido industrial

Conde destaca que a Xunta está "fortemente comprometida" coas pequenas e medianas empresas para que a economía "siga evolucionando"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2017 | Actualizada ás 18:02 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Xunta e o Instituto de Crédito Oficial (ICO) mobilizarán 55 millóns de euros, a través dun convenio asinado por ambas as institucións, co obxectivo de axudar no financiamento ás pequenas e medianas empresas (pemes) e crear tecido industrial en Galicia.

O conselleiro de economía, Francisco Conde e o presidente do ICO
O conselleiro de economía, Francisco Conde e o presidente do ICO | Fonte: Europa Press

A firma do devandito convenio levouse a cabo este xoves, no marco dunha xornada de instrumentos de financiamento para autónomos e pequenas empresas, onde o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, agradeceu a "posta en común de esforzos" entre ambas as administracións e lembrou que comparten "un mesmo obxectivo".

"A finalidade deste acordo é que todos os proxectos que teñan unha viabilidade poidan saír adiante a través do apoio no financiamento e co obxectivo de fixar tecido industrial", explicou o conselleiro.

Neste sentido, apuntou que a dotación do convenio "permitirá" a "mobilización de 55 millóns de euros en Galicia", e fixo fincapé en que o acceso ao financiamento "é determinante" para que as pemes "melloren a súa competitividade" e "incrementen o seu tamaño".

Ademais, asegurou que as pequenas e medianas empresas contribuíron de "forma decisiva" na recuperación económica, polo que a Xunta está "fortemente comprometida" con elas para que a economía galega "siga evolucionando".

Pola súa banda, o presidente do ICO, Pablo Zabla, asegurou que se trata dun convenio "francamente importante" xa que con estas liñas de axuda, o pasado ano, Galicia "logrou crear e manter uns 30.000 postos de traballo".

'GALICIA 1000'

Segundo explicou Zabla, este convenio consistirá na bonificación do tipo de interese das operacións de préstamo ou na compensación do custo do aval financeiro.

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 31 de outubro e cubrirá operacións formalizadas desde o pasado 1 de xaneiro.

Esta iniciativa forma parte do programa 'Galicia 1000', co que este ano a Xunta prevé chegar ás 3.000 pemes galegas, "sen que ningún proxecto viable quede sen realizar por falta de financiamento".

Ademais, co obxectivo de "eliminar as barreiras burocráticas e administrativas", Conde fixo referencia durante a firma deste convenio á futura lei de implantación empresarial na que o Goberno galego traballa.

Desta forma, co convenio e esta lei, a Xunta "abrirá unha dobre vía de axuda" para novos proxectos empresariais: a financeira e a administrativa.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta