Duras críticas dos traballadores da lingua ás subvencións da Deputación de Pontevedra

Denuncian que as axudas deste organismo ao galego “nin promoven nin prestixian” o traballo da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. A área de Cultura evitou dar a súa opinión.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 21/07/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) acaba de criticar duramente as axudas de promoción da lingua da Deputación de Pontevedra dirixidas ás entidades locais. Unhas axudas que outorga, ademais, unha área que controla o BNG. 

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com

É o segundo ano que se convocan estas axudas e a CTNL, asociación de técnicas e técnicas de normalización da lingua, asegura que, tal e como están deseñadas, “nin promoven nin prestixian o traballo planificado e desenvolvido desde unidades técnicas”.

A estas axudas podíanse acoller as entidades locais de acordo con dúas categorías: para servizos de normalización lingüística e para programas de dinamización lingüística. Pero, tras dúas edicións deste tipo de convocatorias, a CTNL entende que estas axudas non están a servir para promover a creación ou o mantemento de SNL, que son as unidades técnicas que desde dentro das administracións se encargan de impulsar o uso e o prestixio da lingua en todos os ámbitos sociais.

“Ao contrario, a maioría das entidades acóllense á categoría de subvencións para actividades, pois a escasa diferenza entre os importes dunha ou doutra categoría favorece a opción pola segunda”, indica a coordinadora. Así, os concellos que piden a axuda para SNL, mesmo desenvolvendo un labor planificado e continuado no tempo, segundo a CTNL, “non conseguiron en ningunha das dúas edicións o total do importe asignado”. “De feito, na edición deste ano un concello con SNL viu minorada a súa axuda de tal xeito que recibe menos subvención que moitos concellos sen SNL e que a Entidade Local Menor de Queimadelos (155 habitantes)”, critica.

Descoñecemento de baremos

Por iso, din “descoñecer” cales son os criterios de baremación das axudas concedidas. “É dicir, non sabemos se se teñen en conta aspectos como a poboación a que van dirixidos os programas de dinamización lingüística, os sectores prioritarios en que se pretende intervir, a duración ou a permanencia do programa, etc”, apunta.

Ademais, alerta que dentro dos programas de dinamización lingüística subvencionados inclúense accións que non teñen un obxectivo normalizador claro, senón que son só actividades ou publicacións realizadas “en galego”: guías turísticas, contacontos… “O traballo de normalización lingüística é algo máis complexo que o simple uso da lingua en actividades dispersas”, destaca. 

De feito, na edición de 2017, figuran como accións de dinamización lingüística concursos literarios que non teñen nas súas bases ningún obxectivo normalizador, só o requisito de que os textos deben estar escritos en lingua galega. "Estas son actividades culturais que se desenvolven en galego e que poden e deben ser promovidas pola Deputación Provincial de Pontevedra, pero con partidas e subvencións de cultura, non coas de normalización lingüística", di. “A transversalidade, tan necesaria no labor de normalización da lingua, non consiste en traer as actividades que son responsabilidade doutro departamento á área de normalización lingüística polo simple feito de que utilicen o galego como lingua vehicular”, advirte.

A normalización lingüística, algo secundario?

Por iso, critica que este tipo de axudas non se está a valorar o traballo de normalización da lingua, pois “non se considera que teñan que desenvolvelo servizos técnicos profesionais como noutras áreas da política municipal”. “É dicir, a institución está a transmitir implicitamente a mensaxe de que a normalización lingüística é algo secundario, que non é necesario que sexa planificado nin continuado no tempo nin avaliado”.

Neste sentido, pídenlle á Deputación Provincial de Pontevedra “que teña en conta a situación da nosa lingua, que reflexione sobre o labor necesario para promover o seu uso e prestixio e que reconduza a súa estratexia de política lingüística cara a promover un traballo de normalización lingüística con certa calidade, planificado, xestionado, executado e avaliado a través de departamentos técnicos e de persoal especializado”.

Cultura evita responder

GC púxose en contacto en dúas ocasions co departamento de comunicación de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra para saber a súa opinión ao respecto pero, ata o momento, non se quixeron pronunciar sobre o procedemento de axudas e as críticas do colectivo de traballadores da lingua.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

3 Lozano & Lores SLU

As deputacións clientelares son así: nas mans do BNG-PsoE non se diferencian do Partido Podre. Son clientelares: "E vós de quen vides sendo e cantos votos aportades?" Tampouco en todo o que tena relación co reparto da pasta, exemplo na propaganda institucional nos medios de comunicación, non o fan as deputacións (ningunha, o escándalo é maiúsculo en todas), nin os concellos (de diferente pelaxe, os das Mareas son igual de faltos de transpatencia e de criterios públicos), nin a Xunta (non a fixo a do bipartito nin o fai a dos podres). Noxento, unha vergoña! E moito inútil funcionario da "normalización" e moito político galeguista falabarato, cando nos concellos das Mareas e do BNG os topónimos deturpados campan igual que nos do Partido Podre!

1 La pastillita loqui

Si a ti te molaba Louzán loquito

2 Loisin

Si home sí! Casualmente non protestan contra a Xunta galegófoba do PP, nin protestaban contra a deputación de Louzán. Estes son PPeiros fixo.

1 LKI

Claro, todos os que protestan contra a incompetencia do PeSoE-BeNeGá son sempre do PePé. É o mesmo mantra que emgregabades contra a xente de "Galiza Non Se Vende" durante o voso desastroso bipartito no lugar de asumir a vosa responsabilidade. Covardes.

2 LKK

E certo que foi de Galiza Non Se Vende que non se volveu oír nada desde que volveu o PP?

3 comunista independentista

Sóanche as Mareas? Pois aí tés a evolución natural de Galiza Non Se Vende.

4 Que foi de...?

E tanto. Como que o groso de GNSV era xente ecoloxista sen partido loitando contra a venda de Galiza á especulación (Massó, Courel, Reganosa, Monteferro...) ou votantes nacionalistas decepcionados co bipartito. Nas manis de GNSV estaban dende Beiras e os seus até os independentistas dos centros sociais, pasando pola xente de EU, FPG, Verdes... Naturalmente, GNSV foi unha das sementes do espazo AGE/Marea xunta o 15-M. Por iso os talibáns máis talibáns do BNG odian todo o conxunto. Non entenderon nada.

5 Que reganoxo dá a Marea

De verdade estades autorizados a confesar que Galiza Non se Vende foi o xérmolo do movemento mareíl podemita? E que dicides do apoio a Reganosa da alcaldesa da marea? Quen vos deixou usar o ordenador hoxe liberados??? http://www.ferrol360.es/el-suminist...

1 Xonc

Creo que deberían mudar os criterios e reunirse cos técnicos. Outra cousa, hai moito técnico "galegueiro" ( galeguista de festa da empanada, dúo musical na sesión vermú Galicia cada día máis linda, cada día mellor e mellor, carteles bilingües para que entiendan los de afuera...) nos concellos do PP... e na provincia de Pontevedra hai uns poucos. Polo tanto, ademáis de asumir erros e plantexar modificacións, ollo! cos que critican.. O PP quer recuperar as Deputacións e ata que o consigan non van parar, vía os seus soldados que trufan a sociedade galega. A ver a quen lle damos voz e audiencia... O PP está a poñer a máquina mediática a funcionar. Outro exemplo é a leña que recibe En Marea en todos os xornais...divide e vencerán