Por Galicia Confidencial | Monforte | 21/07/2017 | Actualizada ás 17:00
Presentado á prensa o programa de actividades que conformarán o programa festivo da cidade do Cabe do 11 ao 16 de agosto. O deseño do mesmo non dista moito do que se fixo o ano anterior. Séguese apostando polo Festival Cómico Festivo “A Rúa é vosa” con espectáculos de rúa por diferentes puntos da cidade, pola contratación de artistas e formacións de renome a nivel nacional, por darlle espazo ás formacións tradicionais de Monforte e tamén por potenciar os fogos artificiais con dúas sesións, unha de aire dende o Monte de San Vicente o día 15 e outra sesión de auga dende o Paseo do Malecón o día 16.
A monfortina Rosa Cedrón actuará o primeiro día das festas despois do pregón que lerá o presentador de radio e televisión José Manuel Parada dende a Casa do Concello e a continuación do “lanzamento do foguete” que anuncia o inicio das patronais.
No apartado de “músicos comerciais” este ano os escollidos foron Bustamante, Juan Perro e a formación Celtas Cortos.
O día 15, día grande, destacan como cada ano a Misa e Ofrenda Floral á Virxe de Montserrat, Patroa do Val de Lemos, e o “Día do Gaiteiro”, xornada na que se pretende amosar e dignificar a riqueza cultural galega coa participación de formacións de gaiteiros nas súas diferentes expresións (cuartetos, quintetos, sextetos…), cantos de cego e mostras de danza tradicional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.