Dous campións e unha prata

A barbancesa Lidia Parada en xavelina e o galego-cubano Fran Casañas en disco, ouros na primeira xornada do Campionato de España absoluto de atletismo en Barcelona. A mugardesa Belén Toimil, prata en peso.

Por gcdeportes | Compostela | 23/07/2017 | Actualizada ás 09:14

Comparte esta noticia

Gran actuación galega na primeira xornada do Campionato de España absoluto de atletismo que se disputa esta fin de semana no estadio Joan Serrahima de Barcelona, onde os lanzadores galegos foron os protagonistas ao acadar tres metais: ouro para Lidia Parada e Frank Casañas e prata para Belén Toimil.

A barbancesa Lidia Parada, de novo campioa en xavelina.
A barbancesa Lidia Parada, de novo campioa en xavelina. | Fonte: @atletismoRFEA

Na xornada da mañá, a barbancesa Lidia Parada repetiu título de campioa de España grazas so seu sexto e último lanzamento, no que se foi ata os 57,97 metros, acadando deste xeito a atleta da Pobra do Caramiñal a mellor marca española do ano. Prata foi Arantza Moreno (55,74) e bronce para Nora Bicet (52,91).

O segundo ouro estivo a cargo do veterano galego-cubano Frank Casañas, cinco veces olímpico, cun bo rexistro de 59,75 metros no lanzamento de disco.

Pola súa parte, a mugardesa Belen Toimil conseguiu a medalla de prata en peso superando novamente a barreira dos 17 metros, xa que co seu primeiro lanzamento acadou unha marca de 17,19 metros, nun concurso marcado polo espectacular récord de España acadado pola murciana Úrsula Ruíz: 18,28 metros.

Ademáis, varios atletas galegos acadaron a clasificación para as finais deste domingo. Solange Pereira (4:25.33) e Leticia Fernández Barbosa (4:27.62) gañaron as súas respectivas series dos 1.500 metros lisos. E Natalia Meaños clasificouse nos 800 metros lisos ao ser segunda na súa serie cun tempo de 2.10.33. Miguel Pérez pasou a semifinais nos 110 MV tras finalizar segundo na súa serie cun rexistro de 14.35, mellor marca persoal, ao igual que Sergio Rodríguez Teixeira nos 200 metros lisos tras entrar cuarto na súa eliminatoria.

Este domingo haberá máis opcións de medallas para os atletas galegas, coa participación entre outros da ribeirense Ana Peleteiro (triplo salto), a monfortina Saleta Fernández (salto de altura) ou o marinense Jean Marie Okutu (salto de lonxitude).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta