Un tirador para o Obra

O equipo compostelán ficha a Matt Thomas, escolta de 22 anos e 1,96 metros, que ven de xogar cos Lakers a NBA Summer League das Vegas. Moncho Fernández conta xa con dez xogadores para a vindeira campaña.

Por gcdeportes | Compostela | 25/07/2017 | Actualizada ás 09:15

Comparte esta noticia

Semana a semana, Obradoiro vai perfilando o plantel para a campaña 2017-18. Para pechar o xogo exterior, procedente da universidade de Iowa State, chega Matt Thomas, escolta de 22 anos e 1,96 metros. Nacido en Onalaska (Wisconsin), Thomas ven de disputar cos Lakers a NBA Summer League das Vegas, deixando moi boas impresións: 23 puntos con 5 triplas contra os Blazers e 20 puntos con 6/7 triplas contra os Mavericks. No Obradoiro vivirá a súa primeira experiencia coma profesional no básquet europeo.

Matt Thomas, última fichaxe obradoirista, en acción con Iowa State.
Matt Thomas, última fichaxe obradoirista, en acción con Iowa State. | Fonte: @OBRADOIROCAB

Na pasada campaña con Iowa State, Thomas promediou 12,3 puntos (53,8% en tiros de dos, 44,5% en triplas e 89% en tiros libres), 3,9 rebotes e 1,7 asistencias en case 31 minutos en pista (35 partidos).

“Coa incorporación de Matt completamos o perímetro cunha ameaza máis de tiro, xa sexa tras bote, recepción ou saíndo de bloqueos. Trátase dun xogador de equipo que ven a sumar na súa primeira experiencia profesional”, afirma José Luis Mateo, director xeral do Monbus Obradoiro.

Con Matt Thomas, son xa dez os xogadores no plantel obradoirista para a vindeira campaña: Albert Sabat e Pepe Pozas de bases; David Navarro, Alberto Corbacho, Eimantas Bendzius, Martins Laksa e Matt Thomas no perímetro; e Nacho Llovet, Adam Pechacek e Artem Pustovyi no xogo interior. Faltan dous pivotes, e algúns medios dan por feita a chegada do montenegrino Nemanja Radovic dende o UCAM Murcia.

Matt Thomas, un escolta estadounidense para o Obra.
Matt Thomas, un escolta estadounidense para o Obra.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta