Unha policía de paisano freou a agresión á moza acoitelada en Santiago

O SUP destaca que a súa intervención foi "de dez" e pide que ingrese na Orde do Mérito Policial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2017 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

Unha axente da Policía Nacional que non estaba de servizo, polo que non ía uniformada nin levaba a súa arma regulamentaria con ela, topouse este luns pola tarde coa brutal agresión a unha moza de 21 anos de idade en pleno centro histórico de Santiago de Compostela e non dubidou en intervir, o que provocou que o agresor fuxise precipitadamente do lugar. Despois, colaborou na asistencia á moza para frear as múltiples feridas por arma branca que presentaba.

Automóbil da Policía Nacional no Obradoiro
Automóbil da Policía Nacional no Obradoiro | Fonte: periodistadigital

Segundo explicou a Europa Press o vicesecretario provincial do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Santiago de Compostela, Abel Lobato, a axente, duns 33 anos de idade e que leva dez anos no corpo de Policía, acabou a súa quenda ás 15,00 horas e non volvía estar de servizo ata as 19,00 horas.

Mentres estaba no seu coche particular no aparcadoiro de San Clemente de Santiago, esta axente ouviu berros, polo que se baixou do seu vehículo e foi ata o lugar desde onde se escoitaban os alaridos. Ao chegar a un Audi que tiña a porta traseira dereita aberta e onde estaba unha persoa tombada no interior na parte traseira, viu a un home que, nun principio, parecía que estaba a golpear a alguén fortemente e con saña.

Segundo consta no atestado, ao cal tivo acceso Europa Press, a axente identificouse de viva voz como Policía e colleu ao home por detrás para evitar que continuase coa agresión. Entón o atacante virouse para tentar zafarse e a axente puido ver que portaba unha arma branca na súa man dereita e presentaba sangue nas súas roupas, mentres que había unha muller na parte traseira do coche que presentaba "varios e profundos cortes por todas partes do seu corpo".

REFORZOS

A axente continuou identificándose como Policía e instou ao atacante a que deixase a arma branca, mentres solicitou aos viandantes que chamasen ao 091 e tamén chamou polo seu teléfono ao posto de mando habilitado para o dispositivo das Festas do Apóstolo para pedir apoio e persoal sanitario.

No medio da súa intervención, a policía de paisano aínda puido fixarse en que o atacante fuxía nun Opel Astra matrícula de Pontevedra, datos que pasou aos seus compañeiros que acudiron a reforzala. Iso facilitou que o agresor fose detido a nos 60 metros do lugar onde se produciu a agresión, na rúa de O Pombal, grazas a que unha patrulla lle cruzou o coche.

A axente, que é natural de Vigo aínda que leva seis anos na Policía en Santiago, auxiliou á vítima, tentando taponar as numerosas feridas abertas que presentaba. Nese momento acudiu ao lugar un home e outras dúas mulleres que dixeron ser enfermeiros e que deron á policía instrucións para socorrer á nova e tentar cortar as hemorraxias coa roupa que se atoparon no interior do vehículo.

A axente describiu ao atacante como un home de raza branca, duns 1,60-1,65 metros de altura, con pelo curto, e que portaba unha arma branca dun fío dun dez centímetros de longo e duns dous centímetros na súa parte máis ancha.

RECOÑECEMENTO

Dado o amplo dispositivo de seguridade instalado estes días en Santiago con motivo da festividade do Apóstolo, axentes de Policía sosteñen que o agresor acabase por ser detido, pero resaltan a axuda prestada pola compañeira de paisano que freou a agresión.

Por iso, o SUP pide para ela que ingrese na Orde ao Mérito Policial con distintivo vermello, posto que a súa vida podía correr perigo, xa que nin ía uniformada nin levaba pistola. Así, destacan que a súa actuación "foi de dez" e eloxian o seu "sangue frío" e o seu "valor".

ESTABLE CON PROGNÓSTICO RESERVADO

A moza acoitelada permanece estable con prognóstico reservado ingresada no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, segundo informaron a Europa Press fontes da investigación.

A moza, natural de Romanía, foi intervida das numerosas feridas que recibiu a plena luz do día en cara, peito, brazos, abdome e perna, e permanece ingresada nunha unidade de críticos, amparada polos seus familiares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Montesío

Unha muller boa e valente. Unha persoa exemplar. Un orgullo para a policia. Grazas!