Portugal adiántase a Galicia e non permitirá máis plantacións de eucalipto

O debate aberto en Galicia de prohibir estas especies en Ourense e Lugo está tendo unha forte contestación por parte do sector forestal.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 26/07/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Os 64 mortos do devastador lume de Pedragao Grande marcaron un antes e un despois nos plans forestais do país veciño. Ese desastre natural acelerou a reforma forestal que estaba a debate en Portugal e o Executivo de António Costas acordou poñer fin ás plantacións incontrolables de eucaliptos.

Así o confirmou hai uns días o ministro de Agricultura luso, Luís Capoulas Santos, logo dun Consello de Ministros. Con todo, o ministro socialista engadiu unha excepción: só se outorgarán permisos en casos de "transplantes de áreas que están ecoloxicamente mal localizadas e que non son economicamente rendibles".

Capoulas Santos explicou que non pretende "pór en cuestión a importancia que o eucalipto ten polo emprego que representa nin polas exportacións que representa", pero que entende que esta industria debe realizarse "con menos área". A reforma está pactada co partido Os Verdes.

E mentres no país veciño decidiuse cortar polo san, en Galicia continúa aberto o debate. A Xunta baralla prohibir as plantacións desta especie invasora nas provincias de Ourense e no sur e centro de Lugo. Con todo, a forte resistencia do sector forestal está creando certas divisións no Goberno galego.

Campañas en Galicia

Unha boa mostra disto foi a campaña aparecida en La Voz de Galicia, Faro de Vigo e outros xornais en papel a favor desta polémica especie. O seu argumento principal é que os eucaliptos non favorecen os lumes, xa que "a maioría dos incendios se producen nas zonas abandonadas, non nos eucaliptales". O lema da campaña: "Datos, non opinión".

Os asinantes desta campaña nos grandes medios a prol do eucalipto son a: AFG - Asociación Forestal de Galicia,  ASEFOGA - Asociación Sectorial Forestal Galega, ASEMFO - Asociación Nacional de Empresas Forestales, Asociación Provincial de Empresarios de la 1ª Transformación de la Madera de Lugo, Asociación Galega Monte Industria, Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, PROMAGAL - Federación de Asociacións  de   Produtores de Madeira de Galiza, SERFOGA - Asociación de Empresas de Servicios Forestais de Galicia e Universidade de Santiago PEMADE - Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC.

Unha campaña que foi duramente criticada por ADEGA que suliñou que "é evidente, que proporcionalmente os lumes forestais afectan máis aos eucaliptais". “O tipo de árbore que arde en maior proporción é o eucalipto, seguido do piñeiro e por último, as carballeiras e frondosas autóctonas son as menos afectadas polos lumes, estando ademais a maioría destas masas en situación de abandono”, argumentan. Os ecoloxistas aseguran que “a incidencia do lume nos eucaliptais é 3,55 veces maior que no bosque autóctono”.

Bosque de eucaliptos
Bosque de eucaliptos

Temas: EUCALIPTO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta