Denuncian que a Xunta acelera a aprobación dos parques eólicos da Costa da Morte

Ecoloxistas acusan ao Goberno galego de “lastrar unha vez máis” o desenvolvemento desta comarca “apostando por Gas Natural Fenosa, a fragmentación da paisaxe, o feísmo paisaxístico".

Por Galicia Confidencial | Costa da Morte | 26/07/2017 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia aprobou o documento ambiental do parque eólico Pena Forcada-Catasol II no municipio de Laxe, segundo a Resolución do 26 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que publicou o pasado luns no DOG. Unha aprobación que se suma a do proxecto Mouriños, na serra do Gontón, en Cabana de Bergantiños, e que chegan a pesar da oposición de varias institucións e grupos ecoloxistas, entre eles, a propia Axencia Turismo de Galicia. 

Zona afectada pola localización dun dos aeroxeneradores que se prendende instalar no parque eólico Mouriños
Zona afectada pola localización dun dos aeroxeneradores que se prendende instalar no parque eólico Mouriños | Fonte: Salvemos Cabana.

Así en relación ao parque eólico de Laxe, este organismo da Xunta sinala no documento ambiental que:“Non inclúe un estudo de impacto turístico, que a priori non se xustifica a localización do parque tendo en conta o alto número de núcleos de poboación a escasa distancia existentes na contorna e solicita un plano que se reflicta a distancia dos aeroxeneradores aos ditos núcleos e outro cos distintos parques en funcionamento e en fase de autorización na zona. Solicita así mesmo que se lle acheguen as alegacións que no seu caso se presenten ao parque eólico”.

Por outra banda, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) no anteproxecto das Directrices da Paisaxe de Galicia, indicaba entre os obxectivos de calidade paisaxística relacionados cos parques eólicos que as instalacións de enerxía eólica “deben estar deseñadas de xeito que respecten o carácter propio da paisaxe existente, implantados segundo a xeomorfoloxía da localización” e tiñan que ser “compatibles con outros usos produtivos potenciadores da sustentabilidade natural, económica e social da contorna na que se insiren”.

Pero, tanto o expediente IN661A 2011/10-1 relativo ao parque eólico Mouriños como o expediente IN407A 2017/046-1, ddeclaración de impacto ambiental e autorización do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal dunha instalación de distribución eléctrica nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas, “son totalmente incompatibles coa sustentabilidade natural, económica e social da contorna na que se pretenden inserir”, segundo denuncia a Asociación Petón do Lobo.

“Lástrase o desenvolvemento da Costa da Morte”

Así, denuncia que a Xunta de Galicia “lastra unha vez máis” o desenvolvemento da Costa da Morte “apostando por Gas Natural Fenosa, a fragmentación da paisaxe, o feísmo paisaxístico e a vulneración do Convenio europeo da Paisaxe vulnerando de paso o dereito da cidadanía á paisaxe e a biodiversidade”.

“No canto de seguir apostando por un desarrollo do turismo sostible e de calidade prefírese seguir apostando polas grandes elites da industria eólica, obviando a repotenciación dos parques existentes e ignorando por completo os criterios paisaxísticos e os dereitos da cidadanía”, engade.

Neste sentido, lembra que unha das principais características de Laxe e Cabana de Bergantiños é o seu patrimonio natural, da biodiversidade e a súa riqueza paixasística. E o certo é que nestes municipios da Costa da Morte hai grandes areais como a urbana Praia de Laxe, a ampla Praia de Traba ou a Praia de Soesto. Conta tamén con pequeñas praias e calas que salpican todo o seu litoral, como a de Arnado, a Praia dos Cristais, a Praia de Morelo ou a Praia de Besugueira. Tamén conta con fermosos cantís, covas e grandes montes de piñeiros.

Tanto no concello de Laxe como de Cabana de Bergantiños hai recoñecida, nunha boa parte da súa extensión, por parte da Unión Europea (Rede Natura 2000) e da Comunidade Autónoma de Galicia (Rede Galega de Espazos Protexidos) un patrimonio natural, da biodiversidade e paisaxístico amplo. Entre estes están o ZEPVN “Costa da Morte” (ES110033) · ZEPVN “Costa da Morte (Norte)” (ES110034) · Paixase Protexida “Penedos de Pasarela e Traba” · ZEC “Costa da Morte” (ES1110005) · ZEPA “Costa da Morte (Norte)” (ES0000176) · Humedal “Rego de Soesto” (Plan de Recuperación do Escribano Palustre) · Humedal “Trasadunas de Soesto” · Humedal “Lagoa de Traba” · Humeadal “Mórdomo” · Humedal “Redondelo” · Humedal “Brañas Mouras”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta