Beiras proclama que a xente "quere unidade popular" e non "regueifas por movementos de marcos entre leiras de partidos"

O histórico nacionalista apela a "fortalecer Anova para fortalecer a unidade popular, sobre todo coas mareas municipais e a cidadanía"

Santiago de Compostela | 25/07/2017 | Actualizada ás 19:44 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras reivindicou este 25 de xullo, no Día da Patria, o camiño da unidade popular, convencido de que é "o que quere" a xente e non "regueifas por movementos de marcos entre leiras de partidos". E para "fortalecer" a unidade popular, apostou por "fortalecer Anova", con especial atención ás mareas municipais e á cidadanía.

O histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras, no acto de Anova
O histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras, no acto de Anova | Fonte: Europa Press

"Fortalezamos Anova para fortalecer a unidade popular, sobre todo coas mareas municipais e coa cidadanía, que o que quere é unidade popular e non disputas por cuestións de movementos de marcos entre leiras de partidos", sentenciou Beiras, en declaracións a Europa Press, durante a 'romaría popular' que Anova organizou en Santiago para celebrar o 25 de xullo.

Preguntado acerca de como conmemora a súa organización o Día da Patria, Beiras replicou que como o fai el "persoalmente": "Reafirmando a identidade de forza de esquerda e nacionalista de Anova, pero coa vocación de verter os seus esforzos en contribuír a unha unidade popular que teña como protagonista á cidadanía activa, con independencia de que estea integrada ou non en organizacións políticas de esquerdas".

"E que as forzas políticas coma nós acheguemos os nosos continxentes", engadiu, pero sempre conscientes de que "o destino" debe ser "unha unidade popular que non é, de ningún xeito, equivalente a unha coalición de partidos de esquerdas".

Beiras reivindicou que iso é o que "está a facer" Anova, aínda que recoñeceu que tivo "os seus custos" para a organización. "E, precisamente, ao que queremos contribuír é a que en En Marea se clarifique dunha vez", remarcou, antes de lembrar o sucedido no recente plenario do partido instrumental.

Nel, o histórico dirixente nacionalista manifestou o seu respaldo a un documento político alternativo ao promovido pola dirección de En Marea, que encabeza Luís Villares. Finalmente, as teses políticas de Villares e os seus resultaron gañadoras pero cun axustado resultado que evidenciou a división do partido instrumental, cuxa asemblea fundacional tivo lugar hai un ano --o 30 de xullo de 2016-- en Vigo.

"NON HOUBO DEBATE"

Beiras lamentou que "non houbo debate sobre ese documento". "Simplemente forzouse unha exposición breve e a votación; e nós non iamos gañar votacións, ao que iamos é a poder debater", advertiu, nas súas declaracións a Europa Press.

"Se falamos de pluralidade e democracia de base e non se pode facer un debate de ideas aberto... Se non se parte da base de que cando se expoñen documentos alternativos son, precisamente, para chegar a unha síntese que é o proceso dialéctico necesario para clarificarnos todos e se pretende interpretar como que son pretensións de desprazamentos do poder a algún grupo... Así non hai maneira, porque está a fallar a concepción mesma do que é a democracia de base da unidade popular", reflexionou.

"REACTIVAR, REORGANIZAR E EXPANDIR ANOVA"

Tras aplaudir o "clarificador, rotundo e nada revanchista" discurso do portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, no acto deste martes, cualificou de "absolutamente indispensable reactivar, reorganizar e expandir" Anova, para "fortalecer", á súa vez, a unidade popular.

Non en balde, subliñou que "a traxectoria dos últimos cinco anos" demostra que Anova é "o único que efectivamente apostou sen ningunha dúbida e sen reclamar nada a cambio polo proceso da unidade popular".

"Fortalezamos Anova para fortalecer a unidade popular, sobre todo coas mareas municipais e coa cidadanía, que o que quere é unidade popular e non disputas por cuestións de movementos de marcos entre leiras de partidos", resolveu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 arzuacapital

Que mágoa o de Beiras. O seu super ego foi sempre o seu pior enimigo. Que falta de lealdade democrática con Enmarea porque eles e a sua camarilla non foron quen de desprazar a vontade popular da última asemblea nacional. Peniña grande

3 Gamela

pois na MdV existe unha muller de Anova que leva cando menos dous anos mirándose o embigo, pero eso de "esforzos en contribuír a unha unidade popular que teña como protagonista á cidadanía activa" vai ser que non lle soa nin de lonxe !!! https://twitter.com/Gamela2017 Beiras non sabe a quen ten na casa !!!

2 Cabanés

O que quere a xente é ao nacionalismo unido, sen falta de lamberlle o cu a partidos estatais!

1 Verdá Villares

O que dixo en concreto Beiras é que en Marea xa fracasara.