Liberdade de prensa

A liberdade de prensa é un dos piares de calquera democracia que se precie.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 02/09/2010

Comparte esta noticia

Evitando a difamación, a prensa e os medios en xeral deben gozar e de feito gozan, en calquera democracia seria e avanzada, de plena liberdade para dicir o que consideren sobre os políticos, as institucións e as suas actuacións, é máis, este labor de control ao poder non é só admisible senón que é imprescindible porque xera un incentivo máis para que os políticos sexamos honrados e competentes, cunha prensa libre o nivel da política sube e cunha prensa maniatada o nivel da política baixa de forma directa e proporcional, só hai que ver o penoso panorama actual da política española para deducir que non temos unha prensa suficientemente libre.

A correlación está clara,  a menor liberdade de prensa, menor nivel de gobernación e a menor nivel de gobernación menor riqueza, liberdade e benestar; eis o papel crucial dunha prensa libre. Como sabiamente deseñou Montesquieu, e o mundo anglosaxon foi quen de plasmar con grande éxito na prática, para evitar abusos do poder, este hai que dividilo en tres: o executivo, o lexislativo e o xudicial. Ademáis e fóra da estrutura institucional de reparto do poder, que en España, como xa se referiu noutros artigos, non funciona demasiado ben, hai un cuarto elemento que nas democracias avanzadas debe ser completamente alleo  ao control dos tres poderes institucionais, para así poder exercer unha fiscalización pública do labor das institucións, e nisto como en tantas outras cousas, lamentablemente, non podemos situar a España nen a Galicia dentro do grupo das democracias liberais avanzadas.

Para Reporteiros sen Fronteiras, España está ubicada, na clasificación máis recente disponible correspondente ao ano 2009, no posto cuadraxésimo sexto (46) do mundo en liberdade de prensa empatada con Cabo Verde e Eslovaquia e, non só detrás de todas as democracias liberais do centro e do norte de Europa senón, detrás tamén de paises como Trindade e Tobago, Surinam, Namibia, Ghana ou Xamaica. Ademáis da situación actual compre tamén valorar a tendencia, non só saimos mal na actualidade senón que no informe máis antigo disponible na web desa ONG - www.rsf.org - o do ano 2002, estabamos no posto vixésimo noveno (29), como diria o outro, grazas a deus, vamos a pior. Dos estados da Unión Europea, só a Italia berlusconiana e España perden postos neste ranking.

No caso específico galego a situación é ainda máis bochornosa, o goberno autonómico de Fraga deseñou no seu día un sistema de axudas a fondo perdido aos medios de prensa, esta gran cantidade de recursos públicos cuxo único obxectivo era e é limitar a liberdade de prensa, estaba e está revestida de todo tipo de excusas peregrinas entre as que chama especialmente a atención o subsidio para a promoción do galego que se lle da a editoras que non usan o noso idioma máis que dunha maneira marxinal, estamos diante dun comportamento propio dunha república bananeira xa que, desde logo, nada parecido acontece nen en norteamérica, nen nos paises do norte do noso continente ou en Australia ou Xapón.

Este comportamento que non podo máis que calificar como de ataque á democracia é transversal ás tres forzas políticas do parlamento galego, catro son as vias que os tres partidos con presenza no noso parlamento usan para limitar a liberdade de prensa no noso País e as catro son fixadas e utilizadas dunha forma plenamente discrecional, teriamos en primeiro lugar os convenios, as axudas á promoción do galego, os subsidios a empresas xornalísticas e a publicidade institucional. En definitiva moitos millóns de euros anuais que proceden do peto de todos os cidadáns e empresas que pagamos impostos e que xeramos riqueza e que PP, PSOE e BNG malgastaron, malgastan e malgastarán, mentres continuen no poder, alegremente en asegurarse un trato de favor por parte dos medios a costa dos cidadáns.

Facendo gala da absoluta discrecionalidade destes subsidios, o goberno de Núñez Feijóo pechou en seco a billa aos medios afins ao BNG, que se habituaran a vivir a corpo de rei durante o bipartito, medios de comunicación que sobreviviron e medraron durante todos ou parte dos dezaseis anos de Manuel Fraga na presidencia da Xunta agora caen como chinches, cando os seus corpos xa estaban habituados a ir xantar ao Restaurante Vilas todos os días o rexime espartano que lles receita Feijóo non lles senta moi ben; GZ Nación, Vieiros, Chuza e A Nosa Terra que renuncia á sua versión en papel, forman parte deste efecto dominó nos medios de querencia marxista do País.

Que isto aconteza é inxusto, ainda que tamén o era o ben que vivian, a costa dos cidadáns, durante o bipartito,  e tamén o é que teñamos doce ou trece xornais que repiten, con poucos matices, as mesmas opinións e informacións e que misteriosamente non sofren a crise nen o cambio de goberno na Xunta. Obviamente o Partido Popular non está guiado pola sua suposta e autoatribuida austeridade cando decide estes recortes, están guiados polo seu atroz intervencionismo antiliberal e liberticida, sinxelamente porque eses recortes non afectan á prensa que lles é afín,  ainda que realmente non sabemos se lles é afín porque cren en como fan os conservadores as cousas ou porque o que paga, iso sí, con diñeiro de todos os cidadáns, manda.

Creo nunha prensa libre onde os editores e xornalistas sexan completamente autónomos e portanto creo na necesidade da non intervención das institucións públicas na prensa, só os cidadáns e os anunciantes privados poden decidir se as empresas, neste caso xornalísticas, son viables mediante as suas decisións de compra e de publicidade, se nos rebaixasen os impostos aos cidadáns na mesma contía do diñeiro que desvian discrecionalmente para impedir a liberdade da prensa, se cadra os cidadáns decidian comprar prensa coa renda disponible a maiores, o que é moi probable porque seria unha prensa moito máis atractiva, e se baixasen os impostos ás empresas, incluindo ás xornalísticas, estas encontrarían a sua rentabilidade máis facilmente e ademáis contribuirían a calidade da democracia e ao progreso social no canto de contribuir á fosilización dun status quo político que dificulta o desenvolvimento do noso País.

Supoño que non se fai nen se fixo porque para PP, PSOE e BNG unha prensa libre sería un problema porque pasarían de “controladores da prensa” a “controlados pola prensa”, cada vez vexo con máis claridade que o que é bo para esas tres organizacións é, en demasiados casos, malo para o País.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos Vázquez Padín Presidente, fundador e concelleiro en Tui de Converxencia 21. Nado en Tui en 1973, licenciado en Ciencias Políticas pola USC e Master en Dirección e Administración de Empresas (MBA) pola Escola de Negocios de Caixanova. Ocupou postos directivos en Pemes e na actualidade é autónomo. O seu blogue é http://carlosvpadin.blogspot.com