A crise e a política de subvencións da Xunta liquidan aos medios nacionalistas

A delicada situación económica, a política de subvencións do goberno do PPdeG e a ineficacia na xestión dalgúns medios está a provocar a desaparición da práctica totalidade dos medios en galego. No caso de A Nosa Terra, o SXG e a CIG denuncian o peche da publicación malia ser viábel e sen negociar cos traballadores.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 01/09/2010 | Actualizada ás 23:00

Comparte esta noticia

O último en anunciar o peche é o histórico semanario A Nosa Terra que deixa de imprimirse por graves débedas da empresa, Promocións Culturais Galegas, dominada por Udra Medios, filial do Grupo San José.

O peche desta públicación, voceira das Irmandades da Fala, e cun século de historia, chega logo de meses de inestabilidade económica e dunha máis que discutida xestión por parte do actual equipo directivo. Pero o toque de gracia recibiuno A Nosa Terra da Xunta de Galicia, que conxelou todas as axudas e a publicidade tanto ao semanario coma ao a editorial A Nosa Terra.

Inversión do Grupo San José

O Grupo San José desembarcou en Promocións Culturais Galegas no 2007 cun montante superior ao millón e medio de euros, pouco antes de invertir case sete millón, tamén, en Xornal de Galicia. Foi entón cando a empresa iniciou unha ambiciosa expansión que resultou un fiasco e que se agravou logo de que o PPdeG chegara ao poder.

O anuncio de Alfonso Eiré a algúns medios de comunicación sobre o inicio dun proceso concursal desatou a indignación entre os traballadores da empresa, uns 25, dos case 40 que chegou a ter en 2008. O anuncio trae aparellado un ERE que podería deixar na rúa a case a un 75% da plantilla. De feito, tan só quedarían tres traballadores no semanario e outros tres na editorial.

Quinto peche

A Nosa Terra é o quinto medio nacionalista en pechar ou pasar serios problemas en menos dun ano. Precedeno os históricos Vieiros, que pechou, o comarcal a Peneira ,que botou aos seus tres redactores, e o dixital Gznación e a rede social Chuza, que tamén pecharon. Todos eles utilizaban o galego como lingua veícular.

Detras destes peches atópase a crise ecónomica pero, sobre todo, a falta de axudas das administracións públicas, principalmente, da Xunta de Galicia. Unha situación que pon ao descuberto que, sen a actual política de subvencións oficiais (Goberno galego, deputacións e concellos), desaparecerían a maior parte das cabeceiras galegas, algunhas das cales acumulan importantes déficits nas contas.

Comunicado do SXG sobre o peche de ANT

Sobre o caso concreto de A Nosa Terra, o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) e a CIG acaban de facer público candaseu comunicado, que reproducimos a continuación, primeiro o do SXG:

Jacinto Rey non pode pechar A Nosa Terra sen negociar un plan de viabilidade

Vigo, 3 de setembro 2010.- O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) reclama ao Grupo San José, propietario do semanario A Nosa Terra (ANT), o mantemento do máximo número posíbel de postos de traballo neste medio de comunicación. O SXG critica que a empresa anunciase na prensa a paralización temporal desta centenaria publicación sen presentar ningún plan de viabilidade, malia que os traballadores levan máis de ano e medio reclamándollo a través do seu delegado sindical, elixido pola CIG.

Ademais, o SXG denuncia que a empresa acumula continuos atrasos nos pagamentos dos salarios, que neste intre suman dúas mensualidades. O Sindicato esixe o pronto abono das nóminas, pois A Nosa Terra pertence a un gran grupo empresarial, a construtora San José, que dirixe Jacinto Rey, con capacidade suficiente para facer fronte ao soldo de 25 traballadores.

Segundo a información remitida pola propia compañía ao Rexistro Mercantil, A Nosa Terra facturou en 2009 máis de 1,6 millóns de euros, cantidade de abondo para asegurar a supervivencia do semanario e o pagamento das débedas a curto prazo, que para 2011 e 2012 suman menos de 160.000 euros exclusivamente con Caixanova.

Quen é o dono de A Nosa Terra?

Un nivel de débeda asumíbel pola Construtora San José, principal accionista de A Nosa Terra. O grupo construtor controla a editorial a través da sociedade Promoción Cultural Galega 2007, presidida por Alfonso Eiré, tamén presidente de ANT, pero cuxas accións corresponden en máis do 97% a Udra Medios, filial do Grupo San José e que tamén é accionista maioritario de Xornal de Galicia. É inexacto, malia o publicado nalgúns medios, que Alfonso Eiré sexa o propietario da empresa, unicamente é o presidente que actúa de pantalla ante o verdadeiro propietario, Jacinto Rey.

San José mantén ao fronte aos responsábeis da crise

Ao igual que xa denunciara a CIG nun comunicado antes do verán, o SXG considera que ANT arrastra dende varios anos unha "mala xestión" que de ningún modo poden pagar exclusivamente os traballadores e traballadoras. Uns traballadores aos que se lles ocultou durante máis dun mes a presentación do concurso de acredores do que tiveron que enterarse pola prensa, actuación da dirección de ANT, presidida por Alfoso Eiré, que só merece o cualificativo de inmoral.

San José non pode forzar o peche do que fóra voceiro das Irmandades da Fala mantendo a súa vez ao fronte da empresa aos actuais xerentes, que son evidentemente os responsábeis directos do malgasto e da caída de vendas dos últimos anos.

Responsabilidade da Xunta de Galicia

Ademais da responsabilidade directa e principal dos actuais xerentes, que a pesar de abocar a ANT a esta situación non foron relevados polo Grupo San José, o SXG considera que o actual goberno da Xunta de Galicia tamén ten a súa parte de responsabilidade debido á drástica redución nas axudas aos medios escritos en galego e ao libro escrito en galego.

O SXG quere facer chegar unha mensaxe de apoio tanto ao delegado sindical como á CIG nas medidas que estimen oportunas coordinar ante esta difícil solución.

Por último, o Sindicato chama a todas as administracións a que tomen medidas urxentes ante a continúo feche e despedimentos de medios de comunicación nos últimos meses, especialmente entre os editados en galego. Cómpre lembrar que o Estatuto de Autonomía obriga á Xunta e aos poderes públicos a promover o uso do idioma propio en novos eidos, como os medios de comunicación.

Comunicado da CIG:

A CIG responsabiliza á dirección de A Nosa Terra da grave situación económica que atravesa a empresa

O sindicato denuncia que os responsábeis do semanario non comunicaron a suspensión de pagos os traballadores/as e non descarta convocar mobilizacións de protesta

A federación de Químicas e Enerxía da Confederación Intersindical Galega responsabiliza ás distintas direccións do semanario A Nosa Terra da grave situación económica que atravesa a empresa e que obrigou os seus responsábeis a suspender pagos. Dende a central nacionalista critican tamén o feito de que os xestores da publicación non comunicaron ao representante dos traballadores e traballadoras a entrada no proceso concursal e reclaman que se lles facilite información.

Dende a o sindicato lamentan en primeiro lugar os problemas que atravesa a histórica cabeceira do nacionalismo galego e sinalan ás súas distintas direccións como responsábeis da situación. Aínda que son conscientes do drástico recorte nas axudas da Xunta aos medios que se editan en galego -principal argumento esgrimido por A Nosa Terra para xustificar a súa desaparición en papel- o secretario nacional da federación de Químicas e Enerxía da CIG, Alberto Gonçalves, indica que “nin a actual dirección nin as anteriores souberon xestionar a empresa, sobre todo en épocas de bonanza económica”. Neste senso, define o sucedido como a “crónica dunha morte anunciada”.

Dende a central amósanse especialmente críticos coa actitude da actual dirección, xa que ninguén lle comunicou ao delegado sindical a entrada no proceso concursal. “Existe unha falta de información total aos traballadores e traballadoras, que non saben de forma oficial o que está a acontecer na empresa”, lamenta Gonçalves. Ao mesmo tempo, lembra que levaban máis dun ano reclamándolle á dirección un plan de viabilidade “que nunca chegou” para tratar de reconducir a situación.

Finalmente, adiantan que ademais das pertinentes accións legais non descartan iniciar un calendario de mobilizacións para denunciar a situación que están a padecer os 28 empregados do semanario.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 53 comentarios

2 Pilar Candocia

Alfonso Eiré anda presumindo por aí que non vai despedir a ninguén pero o certo é que xa presentou a documentación para un ERE. O semanario vai pechar sine die e o dixital vano manter tres amiguitos, que son precisamente os que citades na información Manuel Veiga, director, Xan Carballa, subdirector, e César Lorenzo, o coordenador do dixital. Tres grandes currantes, como se pode ver no ben actualizado que xa teñen a páxina. Todo isto téñeno planificado dende hai meses, pero agora presentanse como vítimas da Xunta para que a xente marche sen dicir ni mu.

1 Gamela

Ao mellor algúns xa cobraron a súa parte por facer o traballo sucio? http://gamela00.blogspot.com/2010/0... Saúde!

2 galego

Pilar Candocia, iso de apropiarse do nome doutra persoa para ocultar a túa identidade paréceme bastante miserábel. Un pouco de respecto.

1 Berto

Lembrade os problemas económicos de La Región ou os que vai facer públicos en breve (ERE de por medio) outro grupo mediático con xornal, radio e TV.

1 Quin

O ERE do que fala Berto vai ser no Grupo Correo galego e afectará sobre todo a Galicia HOxe, outro diario en galego. A este paso non vai quedar nin un.

2 Marcos

Berto, La Región non ten problemas económicos. De feito é un medio rentable que da beneficios (todos os últimos anos os seus editores gañaron cartos) como ben informou a empresa cando anunciou o ERE. O ERE de La Región veu por outros motivos alleos ao grupo de comunicación e polos problemas que lle xera á empresa a sociedade MEISA.

3 coruñés

Galicia Hoxe é un exemplo de medio ultrasubvencionado que vive exclusivamente do diñeiro público. Conta cunha subvención desde os tempos de Fraga, blindada. Que en realidade mantén GH e medio El Correo Gallego, que é outra vaca no millo pois ECG é un gratuito asociado a El mundo. A dereita teno claro, e leva dando pasta a esgalla ós seus medios. Mágoa do medo que tivo o bipartito a retirar axudas ós medios de verdade, a ver se nas próximas espabilan e quedan en Galicia Faro de Vigo e A Voz como medios fachas con sostenibilidade.

4 fáltache o último paso

...que é recordar que "El Mundo" está case en creba...