Unha nai que denunciou neglixencia médica tras a morte da súa filla declara este xoves por inxurias a un avogado

Gutiérrez Aranguren, letrado dun dos pediatras, considera que a muller se "mofou" del en comentarios de redes sociais

Santiago de Compostela | 26/07/2017 | Actualizada ás 14:54 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A nai da nena de catro anos falecida en 2010 por supostas neglixencias médicas declarará este xoves ante o xulgado na Coruña tras ser denunciada por inxurias polo avogado dun dos pediatras que atendeu á menor, que considera que certos comentarios difundidos en redes sociais danan a súa "honra".

Paula Puig é a nai de Eva Varela Puig, que con 4 anos foi operada de amígdalas e vexetacións no Hospital Modelo da Coruña, falecendo aos dous días por supostas neglixencias médicas que os seus pais denunciaron no xulgado da Coruña. Os pais presentaron unha querela por homicidio contra dous pediatras do centro, pero a Audiencia da Coruña arquivou o asunto.

Por mor do sucedido, esta nai creou un blogue e unha páxina en Facebook para informar e dar a súa opinión sobre o sucedido e sobre a marcha do proceso xudicial. Precisamente, un comentario na rede social foi o que lle levou a ser citada a declarar este xoves pola querela que o letrado José Luís Gutiérrez Aranguren, avogado dun dos pediatras, presentou contra ela por presuntas inxurias.

Nunha carta remitida aos medios de comunicación, a nai, que considera esta querela como unha "provocación", asegura que se limitou a "dar a súa opinión sen ánimo de faltar á verdade".

Defende, ademais, o seu dereito a "opinar libremente" sobre a forma de actuar do letrado no proceso xudicial pola morte da súa filla, á vez que confía en que se arquive a querela por inexistencia de delito.

O avogado e pai da nena, Raúl Varela, mostrou en declaracións a Europa Press a súa "absoluta indignación" ante esta querela por presuntas inxurias en relación a uns comentarios que, segundo sinala, xa foron retirados.

"TOMOUNA COMIGO"

Pola súa banda, o letrado José Luís Gutiérrez Aranguren, en declaracións a Europa Press, defendeu a súa "honra" ante os cualificativos lanzados a través de internet pola muller, quen se tomou o asunto como "un tema persoal" tras ser arquivado o caso polas presuntas neglixencias.

O avogado que neste caso defendía a un dos pediatras considera que os temas xudiciais "resólvense nos xulgados", tal e como sucedeu no proceso polas supostas neglixencias médicas na morte da nena.

Así, segundo lembrou, o proceso concluíu cun "contundente" auto da Audiencia Provincial da Coruña no que non se apreciaba "ningunha neglixencia" médica, procedendo así ao arquivo do asunto.

Precisamente, este avogado cre que dita resolución puido motivar a postura da nai. "Resolveron algo que non lle gustou e a paga comigo", insiste Gutiérrez Aranguren, que di que a nai "se mofou" del a través de comentarios difundidos nas redes sociais, onde o cualificou de "fracasado" e "iluminado".

Por iso, ante eses comentarios difundidos, e que considera que "danan" a súa honra, o letrado presentou unha querela por inxurias e espera que sexa a Xustiza a que "resolva". Este xoves a nai declarará ante o Xulgado de Instrución número 1 da Coruña.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta