Ferroatlántica recorrerá e anuncia consecuencias para empregados e comarcas pola imposibilidade de vender as centrais

Avisa de que o rexeitamento da Xunta "deriva na precarización" dos 533 empregos na Costa da Morte e en Sabón (Arteixo)

Santiago de Compostela | 26/07/2017 | Actualizada ás 17:52 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Ferroatlántica recorrerá a resolución denegatoria da Xunta á súa petición de segregación das actividades que desenvolve na Costa da Morte, coa que pretendía a venda das centrais hidroeléctricas.

Fábrica de Ferroatlántica en Cee
Fábrica de Ferroatlántica en Cee | Fonte: Europa Press

Ademais, a través dun comunicado de prensa, a empresa anuncia consecuencias para os traballadores e tamén para as comarcas ao ter, di, que "revisar as súas actuacións de mecenado das que se benefician numerosos clubs e sociedades da contorna das súas plantas, ás que se dedican anualmente 400.000 euros".

O rexeitamento da Xunta, segundo avisa, "impide a realización do plan de futuro", co que Ferroatlántica anunciaba que ía investir en Galicia 100 millóns de euros "para mellorar as súas capacidades e promover unha nova fábrica de silicio solar".

Ademais de "as melloras frustradas", a compañía sinala que o rexeitamento da Xunta "deriva así mesmo na precarización dos 533 empregos actuais nas centrais hidroeléctricas e nas fábricas de Cee, Dumbría e Sabón, dado que os persoais non terán ningunha garantía de estabilidade, fronte á que Ferroatlántica ofrecía no plan de futuro".

"A decisión da Xunta prexudica gravemente os intereses de Galicia ao desprezar a creación de 200 empregos directos e 300 indirectos en Sabón (contorna da Coruña), Cee e Dumbría", critica.

ABORTADO O PROXECTO DE SABÓN

A negativa tamén "aborta" a implantación en Galicia dun proxecto "de gran futuro", segundo subliña, en alusión á fabricación de silicio solar, que, segundo avanza, "agora terá que reformularse en canto a tamaño e alcance e deberá buscar nova localización alá onde as condicións económicas, industriais e sociais sexan máis favorables".

"Por iso carece de sentido manter en Sabón as actividades de Silicio Ferrosolar, que serán paralizadas de inmediato, unha vez que se tramiten as medidas laborais correspondentes", adianta.

A compañía afirma que "tamén terá que adoptar medidas reorganizativas nas súas instalacións e revisar as súas actuacións de mecenado das que se benefician numerosos clubs e sociedades da contorna das súas plantas, ás que se dedican anualmente 400.000 euros".

"DISPOSICIÓN ILEGAL"

O seu obxectivo, segundo destaca na nota, segue sendo tratar de "revogar a cláusula" que impide a segregación dos seus activos hidráulicos nos ríos Xallas e Grande.

A empresa móstrase "convencida" de que dita cláusula constitúe "unha disposición ilegal", ademais de "non aterse, por anacrónica, á realidade industrial da compañía", e de tratarse ao seu xuízo de "un exemplo de discriminación no libre exercicio da actividade económica".

Por iso, advirte de que a decisión da Xunta será recorrida primeiro ante a propia Administración autonómica e, "no seu caso, ante a xustiza, por vía contencioso-administrativa e en calquera outras instancias onde a empresa poida facer valer os seus dereitos".

Ferroatlántica incide en que o que solicitara era que se "devolvese as concesións hidroeléctricas ao seu réxime orixinal, que non impedía a segregación deses activos das fábricas de ferroaleaciones".

Lembra que dous catedráticos de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, José Luís Carro Fernández-Valmayor e Luís Míguez Macho, concluíron que a Administración galega "carecía de base xurídica para negarse á petición da compañía", de maneira que, ao facelo, "incorrería nunha arbitrariedade".

Asegura que a desestimación é "flagrantemente contraria a dereito porque vulnera a liberdade de empresa e o principio de interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta