O Breo xa ten dirección

O base canario Christian Díaz, de 25 anos e procedente do COB, completará a parella de bases xunto con Ricardo Úriz da vindeira campaña no Cafés Candelas Breogán, que conta xa con catro xogadores no plantel.

Por gcdeportes | Lugo | 27/07/2017 | Actualizada ás 08:51

Comparte esta noticia

O base Christian Díaz xogará os vindeiros derbis do Miño no rival do norte. O CB Breogán e o xogador canario, de 25 anos e 1,85, chegaron a un acordo e Christian Díaz, ex de Ourense, completará a parella de bases do equipo lucense xunto con Ricardo Úriz. “Sentimentalmente no es una decisión fácil, pero tengo que mirar lo que sea mejor para mí, que es aspirar a un ascenso, y eso Breogán me  lo da”, recoñece o base.

Christian Díaz sobrepasa a Franch no último derbi do Miño no Pazo lucense.
Christian Díaz sobrepasa a Franch no último derbi do Miño no Pazo lucense. | Fonte: Pat Muñoz

Christian Díaz, nado nas Palmas de Gran Canaria (23 –marzo-1992), coñece ben a categoría xa que defendeu as cores de Gran Canaria (2010-13), Navarra (2013-14), Peñas Huesca (2015-16) ou o COB en dúas tempadas: a 2014/15, na que o equipo ourensán impuxérase no quinto partido dunha inesquecible final polo ascenso ao propio Breo, e a pasada16/17, na que foi un dos xogadores máis destacados do conxunto de Gonzalo García de Vitoria, promediando 10,5 puntos, 2,7 rebotes e 4,2 asistencias en 27 minutos por partido. O técnico do COB, gran valedor do canario, foi un dos primeiros que felicitou a Díaz nas redes sociais pola súa fichaxe: “A seguir creciendo, ojalá tengas una gran temporada”.

Segundo o propio CB Breogán, Christian Díaz destaca “pola súa velocidade no xogo, pola capacidade para marcar o ritmo dos encontros e polo poder de anotación”, con case un 40% de acerto (38,8%) nos tiros de 3 puntos na pasada liga regular. No seu crecemento como xogador ano tras ano, o pasado curso foi peza clave para a clasificación do COB para os play-offs de ascenso.

Christian Díaz completa a parella de bases do Breogán e repartirá os minutos na dirección de xogo xunto con experimentado Ricardo Úriz, de 37 anos, que o ano pasado acadou o ascenso á ACB con Gipuzkoa Basket. “Una pareja muy completa. Las carencias que tengo yo, las da el. Controla el tempo del partido y la toma de decisiones, cosa que quizá a mí me falta a veces”, apuntou Díaz na Radio Galega sobre o seu compañeiro.

Co base canario, son xa catro os xogadores cos que conta o Cafés Candelas Breogán para a vindeira campaña: Ricardo Úriz e Christian Díaz como bases; o escolta lucense Sergi Quintela e o pivote estadounidense Matt Stainbrook. Natxo Lezcano falou ao final da campaña pasada, trala súa renovación, de manter ata cinco ou seis xogadores, e aí poderían chegar as renovacións de Salva Arco ou Michael Fakuade.

Christian Díaz, na defensa de Franch no derbi no Pazo lucense.
Christian Díaz, na defensa de Franch no derbi no Pazo lucense. | Fonte: Pat Muñoz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta