Tres galegas ao Mundial

Ana Peletiro en triplo salto, Solange Pereira nos 1.500 metros e Belén Toimil no lanzamento de peso serán a representación galega no vindeiro Campionato do Mundo de atletismo, do 4 ao 13 de agosto en Londres.

Por gcdeportes | Compostela | 27/07/2017 | Actualizada ás 09:17

Comparte esta noticia

Coa agradable sorpresa da repesca de Belén Toimil, tres serán as atletas galegas que representarán a Galicia no vindeiro Campionato do Mundo de atletismo, que se celebrará en Londres do 4 ao 13 de agosto: a ribeirense Ana Peleteiro no triplo salto, a canguesa Solange Pereira nos 1.500 metros lisos e a mugardesa Belén Toimil no lanzamento de peso. A selección española en Londres estará composta por un total de 55 atletas, 34 homes e 21 mulleres, das cales tres serán galegas.

Belén Toimil celebra ese salto de 17,38 en Pontevedra.
Belén Toimil celebra ese salto de 17,38 en Pontevedra. | Fonte: @GonzaloMSC

A atleta de Cangas tomará parte na proba dos 1500 metros lisos, onde ten acreditado unha mellor marca persoal este ano de 4:06.9, acadada hai dez días na Diamond League en Rabat. Ademáis, o seu recente título de campioa de España nunha final moi rifada sen dúbida serviralle para afrontar con máis gañas a cita mundialista. As primeiras semifináis serán as 20.35 horas do venres 4 de agosto, estando prevista a final para o luns 7 ás 22.50 horas.

Ana Peleteiro achégase ao Mundial de Londres tras completar unha das súas mellores campañas, que a levarían a acadar a súa mellor marca persoal (MMP) con 14,22 metros, o subcampionato de Europa sub-23 ou mesmo o Campionato de España desta pasada fin de semana en Barcelona. O concurso da atleta de Barbanza dará comezo as 12.00 horas do sábado 5 de agosto, sendo a final o luns 7 ás 21.25 horas.

Malia non acadar a marca mínima no concurso de peso, a atleta de Mugardos Belén Toimil estará por méritos propios na cita de Londres, xa que está entre as 32 mellores lanzadoras da clasificación grazas ao seu récord de 17,38, acadado nos pasados campionatos de Galicia en Pontevedra. "Siiii. Vamooooss!!! Oficialmente seleccionada para el Mundial absoluto de Londres!!! No me lo creo", celebrou Toimil no seu twitter a súa selección. Será o colofón a unha espectacular campaña, na que mellorou en 87 centímetros o seu rexisto. A súa clasificación será ás 21.20 horas do sábado 5 de agosto, sendo a final ás 21.25 horas do mércores 9.

Ana Peleteiro estará no Mundial cunha MMP de 14,20 metros.
Ana Peleteiro estará no Mundial cunha MMP de 14,20 metros. | Fonte: @RFEA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta