Temas: LUMES INCENDIOS

Como evitar que Galicia sufra un lume como o de Pedrógão Grande?

Asociacións de montes comunais celebrarán unhas xornadas nas que analizarán as causas dos grandes lumes que se dan en Galicia e a deficiente xestión forestal das plantacións de eucalipto e piñeiro.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 27/07/2017 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

“Iniciativa Comunales” convoca unha xornada sobre montes veciñais, cambio climático e incendios forestais, onde relatores con experiencia falaran sobre os incendios forestais e cuestións abordables polas comunidades de montes seguida dun debate no que se reflexionará sobre o impacto do cambio climático nos montes, os riscos ambientais e humanos que produce e algunhas precaucións que se poden adoptar nos montes veciñais en man común. 

Incendio en Portugal
Incendio en Portugal

Nas xornadas, que terán lugar en Marcón (Pontevedra), ás 10.30 deste sábado, aportaranse visións amplas desde a experiencia práctica dos relatores que xestionan áreas incendiadas en zonas de alto risco de incendio como a península do Barbanza, a do Morrazo, Pontevedra ou Vigo. Contarán a súa experiencia directa en extinción e prevención de incendios, así como en actuacións de xestión e recuperación de zonas incendiadas. 

Presentaranse argumentos científicos, técnicos e sociais dificilmente discutibles e moi relevantes para mellorar a situación dos montes veciñais en man común de Galicia, ao tempo que diminuír o risco de perda de vidas humanas, biodiversidade e toneladas de solo por mor dos incendios forestais. 

Evitar unha traxedia como a de Portugal

Baixo o título de “Montes veciñais, cambio climático e incendios forestais”, a celebración desta xornada responde a un acordo da II Asemblea Xeral da asociación de ámbito estatal Iniciativa Comunales, celebrada en Pontevedra o pasado 24 de xuño, na que varios socios galegos propuxeron este evento para reflexionar sobre as fatais consecuencias do incendio forestal de Pedrógão Grande en Portugal e a posibilidade dunha vaga de lumes en Galicia semellante á de 2006. 

Imaxe tomada dende o satélite Proba-V do incendio que arrasou Portugal en xuño de 2017
Imaxe tomada dende o satélite Proba-V do incendio que arrasou Portugal en xuño de 2017 | Fonte: ESA.

Segundo os expertos, as dimensións do incendio de Portugal son o resultado dunha deficiente xestión forestal das plantacións de eucalipto e piñeiro, do incumprimento da lexislación de incendios portuguesa e, en grande medida, do cambio climático e os seus efectos. O incremento da temperatura e a reducción das chuvias provocaron unha sequidade do solo e da vexetación superiores aos valores normais. 

Isto unido a fenomenos meteorolóxicos como as treboadas secas con numerosos raios provoca un incremento notable do risco de incendio forestal, dos seus efectos negativos e das dificultades de extinción, sobre todo en áreas forestais arboradas continuas e na contorna de núcleos de poboación (interfaz urbano-forestal) e especialmente en cando se producen fenómenos complexos como as tormentas de lume que superan as capacidades de extinción de calquera dispositivo. 

Interesantes experiencias

Ás 10 abrirá a Xornada unha breve intervención de Xosé Carlos Morgade, presidente de Iniciativa Comunales e presidente da Comunidade de Montes de Mourente. Explicará as razóns da constitución de Iniciativa Comunales e as que levaron a esta asociación de ámbito estatal a organizar esta Xornada. Seguidamente Óscar Coto, presidente da Comunidade de Montes de Marcón que acolle esta celebración, falará dos incendios forestais de 2006 e dos efectos no monte veciñal de Marcón. 

Ás 10:15 Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña (Porto do Son) falará sobre o goberno dos montes veciñais en man común e os incendios forestais, a través das experiencias dos comuneiros de Baroña e da Serra do Barbanza, e do xeito en que a comunidade de montes modificou a súa xestión para actuar decididamente en actuacións de prevención (desmestas, rareos, rozas, etc) e outras accións de posta en valor do monte como pastoreo extensivo, aproveitamento da resina e aproveitamento de cogomelos. 

Deste xeito conseguiuse mellorar os efectos negativos dos incendios forestais que castigan de cote esa comarca. O ano pasado un incendio forestal afectou gravemente ás parroquias lindeiras e ao Castro de Baroña, pero a penas ao monte veciñal de San Pedro de Baroña. Ás 10:45, Alfonso Pazos, tesoureiro da Comunidade de Montes de Teis (Vigo), explicará as principais accións que desenvolveu a súa comunidade nos últimos 20 anos, coa consolidación dos lindes do monte veciñal e a colaboración con propietarios forestais estremeiros (non sempre comuneiros) para loitar contra a acacia negra, reducir o risco de incendios e mesmo chegar a acordos de custodia do territorio para restaurar o bosque autóctono tamén fóra do linde do monte veciñal. 

Alfonso Pazos, enxeñeiro técnico forestal de formación, traballa nas campañas de incendios forestais como condutor de camión motobomba. Ás 11:15 intervirá José Antonio Vega, doutor enxeñeiro de montes pola Universidade Politécnica de Madrid e creador do Laboratorio de Lumes Forestais do Centro de Investigacións Forestais da Xunta de Galicia en Lourizán (Pontevedra). Foi profesor asociado durante 21 anos na Universidade de Vigo, coordinador do Grupo de Lumes Forestais da Sociedade Española de Ciencias Forestais e ten participado en numerosos proxectos de investigación, estatais e internacionais, sobre incendios forestais, con resultados recollidos a través dunha chea de publicacións científicas e técnicas. 

Este investigador de recoñecido prestixio internacional explicará as evidencias do cambio climático a través dos índices de perigo meteorolóxico de incendios e das tendencias futuras de posibles impactos. Tamén disertará sobre algunhas ferramentas de apoio á caracterización dos combustibles e de estimación do comportamento do lume nun incendio que lles afecte, así como da consecuente prioridade de áreas obxecto de tratamentos preventivos para reducir a carga de vexetación combustible. Ás 11:45, Javier Fernández, presidente da Comunidade de montes de Meira, ademais de axente forestal integrante da brigada de investigación de causas de incendios forestais, falará de Prevención de incendios forestais e medidas a adoptar en caso de afección a núcleos rurais. 

Iniciativa Comunales é unha asociación de ámbito estatal, formada por comunidades que gobernan augas, terras, bens e dereitos de forma comunitaria. Outros membros clave da asociación son ONGs, universidades, empresas e outras entidades, ademais de persoas a título individual. O seu obxectivo común é a defensa e o recoñecemento destes sistemas comunais e promover entre as comunidades a boa xestión e a mellora dos seus resultados sociais, económicos e ambientais.

Temas: LUMES INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Gamela

A ver se non inventamos a pólvora! Levamos nin se sabe os anos sen unha verdadeira política medioambiental, deixando que os Concellos determinen que zonas son urbanizables e cales forman parte de micro-reservas-rústicas (cada día máis isoladas) ... E agora veñen a contarnos que son os piñeiros os responsables dos lumes? Piñeiros houbo toda a vida, dende Pondal e os seus Queixumes dos Pinos... O que hoxe non temos é quen traballe no monte !!! (As comunidades de montes estánse a converter en verdadeiras OLIGARQUÍAS dentro do territorio galego) Ollo ao piollo, non é ouro todo o que reloce !!!

1 Gamela

levamos unha morea de anos agardando que O Courel teña unha protección contra as Cías. Louseiras que seguen a amenazar este territorio único e nin deus bota unha man! Pero cando se trata de cortar pinos e eucaliptos todo quisque move o cú...? Non sei que se agocha detrás de tanta normativa contra as árbores en tempos de desertificación galopante !!! https://i.gal/gamela02

2 Arturo

As causas dos incendios son , na inmensa maiorìa, os incendiarios. Así de simple. Non é a deficente xestión, a política da Xunta, ou a influencia dos visigodos. O monte non arde so, ainda que haxa a maleza que sexa. Cansa escoitar mil veces que se o monte arde é porque axunta non o limpa, coma se o monte non fose privado, coma se fose viable " límpialo", e, sobre todo, coma se a causa do lume é que hai desgraciados que prantan lume. A ver, repitamos mil veces; Sen incendiarios non hai incendios.

1 Fóra os Adegueiros de cidade

"deficiente xestión forestal das plantacións de eucalipto e piñeiro"... Ao que se os expertos son imparciais neste simposio engadirán que ben xestionadas non arden nin máis nin menos que o resto do monte. Para mostra zona centro de A Coruña (Ordes, Mesía, Frades, Arzúa, Boimorto, Sobrado, O Pino, Oroso, Trazo....) onde hai plantación de eucalipto que xeran grandes beneficios no rural e case non hai lumes, ou a zona norte de Lugo, dende Vilalba prácticamente ata a costa. O eucalipto e o piñeiro señores non son o problema. Ainda que tamén podían analizar o lume de Doñana onde non había "especies maléficas".... Pero todo será ir en contra do eucalipto coma sempre.