SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2017 | Actualizada ás 13:42 por EUROPA PRESS
As vítimas do accidente do Alvia cren que o que diga ante o xuíz instrutor o perito designado pola Xunta, Juan Carlos Carballeira, non ten "validez", por non ser "un experto" en materia ferroviaria. Ademais, consideran que o cargo de Adif investigado na causa, Andrés Cortabitarte, "ten que dimitir".
Así se pronunciou un portavoz da plataforma de afectados, Arturo Domínguez, este xoves en declaracións aos xornalistas ás portas dos xulgados, onde comparecen tanto Carballeira como o perito que foi elixido por sorteo, César Mariñas, para ratificar ou no seu caso modificar as conclusións dos informes que entregaron en xaneiro sobre a análise de risco na liña Ourense-Santiago, onde morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas o 24 de xullo de 2013.
Domínguez opinou sobre Cortabitarte, que tamén comparece este xoves e que agora mesmo é subdirector de xestión loxística de aprovisionamento en Adif. "Ten que dimitir. Que lle faga dimitir o ministro de Fomento e o presidente de Adif", pediu, acompañado por varias vítimas que portaban de novo esta xornada carteis e unha pancarta reivindicativa, pola "verdade, xustiza e reparación".
"Non é de recibo que un cargo público de libre designación ocupe aínda un posto no Estado", criticou este portavoz da asociación, que lembrou que o entón director da seguridade na circulación de Adif "non mitigou o risco e non pode estar agora mesmo nun cargo público". "Esiximos o seu cesamento inmediato", engadiu.
Así, incidiu en que "se se cumpriu a normativa como di Europa este accidente non tería ocorrido". "E este home era o máximo responsable de seguridade de Adif", subliñou.
A continuación, afirmou que os afectados tamén esperan que este xoves, cando volve estar citado polo maxistrado, Cortabitarte "fale", posto que "as dúas veces anteriores nin sequera falou, cando a (ex)ministra --Ana Pastor-- prometeu toda a colaboración".
"A primeira oportunidade que tivo acolleuse ao seu silencio, que pode ser legal pero eticamente é intolerable", censurou.
PERITOS
En canto aos peritos, Arturo Domínguez sinalou que Carballeira, que esta xornada corrixiu as súas conclusións, está elixido pola Xunta e "non é un experto, co cal todo o que diga non ten validez". "Se está a rectificar é porque nin sabe do que fala", valorou.
En canto a César Mariñas, resaltou que o seu informe "demostrou que se se cumpriu a normativa o accidente non tería ocorrido", e confiou en que el si ratifique as súas conclusións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.