Quen será candidato no proceso de primarias do PSdeG?

Villoslada e Caballero anunciaron xa a súa intención a concorrer ao proceso de primarias do partido. Leiceaga aínda sopesa as súas posibilidades e buscaría o apoio dos críticos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/07/2017 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O PSdeG comeza xa a perfilar o seu futuro. O deputado autonómico do PSdeG Juan Díaz Villoslada anunciou este xoves a súa intención de sumarse á carreira para liderar o PSdeG. Unha decisión que xa adoptou hai uns días Gonzalo Caballero, novo membro da Executiva Federal Socialista. Os dous candidatos son, con Xaquín Fernández Leiceaga, as únicas alternativas que existen polo momento neste partido para lidera esta formación.

O deputado do PSdeG Juan Díaz Villoslada
O deputado do PSdeG Juan Díaz Villoslada

Con todo, o voceiro parlamentario socialista segue esquivando esta cuestión e este martes evitou pronunciarse sobre se se presentará ás primarias do PSdeG, que se celebrarán o próximo 8 de outubro, tras ser aprobado o calendario pola xestora presidida por Pilar Cancela.

"Iso verémolo nos próximos días", respondeu Leiceaga a preguntas dos medios este xoves no Pazo do Hórreo. Máis concreto foi o seu compañeiro na Cámara. Villoslada dá "o paso adiante" un día despois de que a xestora aprobase o calendario para as primarias. O parlamentario socialista convocou aos medios para ratificar a súa decisión "despois de días de reflexión persoal, política e familiar". Súmase así á pugna co membro do Comité Federal do PSOE Gonzalo Caballero.

Apoios

Villoslada está apoiado por boa parte do sector da Coruña, nomeadamente polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e podería contar tamén co respaldo do sector oficialista de Lugo.

Leiceaga en Santiago
Leiceaga en Santiago

Pola súa banda, Caballero insiste que el é o candidato das bases e xoga a baza de ser  “sanchista ata a médula” para ter apoio entre os militantes que, maioritariamente, se decantaron por Pedro Sánchez para a Secretaría Xeral nas pasadas primarias do PSOE.

Leiceaga, pola contra, estaría analizando os apoios cos que contaría no caso de presentarse. Uns apoios que poderían vir, curiosamente, do sector dos críticos, a pesar de que, no seu día, o seu papel foi moi criticado por dirixentes como Abel Caballero. Con todo, aos boas relacións de xente do seu equipo con Susana Díaz e cos susanistas poderían xogar no seu favor.

As primarias para elixir ao novo líder do PSdeG serán o 8 de outubro e o congreso, a finais de mes A xornada de votación de primarias para elixir ao novo secretario xeral do PSdeG celebrarase o próximo 8 de outubro e o congreso da formación terá lugar durante os días 27, 28 e 29 do mesmo mes.

Gonzalo Caballero e Díaz Villoslada
Gonzalo Caballero e Díaz Villoslada
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Gonzalo Caballero / https://youtu.be/Es5W7UGpT8U