O BNG ve "lamentable" a reacción de Ferroatlántica, "que pensa que Galicia é a súa leira particular"

Pedirá a comparecencia de Feijóo para que explique se a súa estratexia sobre a AP9 limitarase "a dar escusas" ou a "cumprir o aprobado" no Parlamento

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2017 | Actualizada ás 17:17 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "lamentable" a reacción de Ferroatlántica tras coñecerse a resolución da Xunta de denegar a solicitude para segregar as actividades industriais e enerxéticas e así poder vender as centrais hidroeléctricas que explota na Costa da Morte, dos ríos Xallas e Grande.

Ponton Advirte Conexion Galega Gurtel Q Salpica Feijoo
Ponton Advirte Conexion Galega Gurtel Q Salpica Feijoo | Fonte: Europa Press

"Pensa que Galicia é a súa leira particular, ameazándonos porque non lle permitimos unha venda que sería ilegal". Así se expresou este xoves Pontón en referencia ao comunicado no que a empresa avanza que recorrerá a resolución e no que asegura que a decisión terá consecuencias para os traballadores e para a comarca da Costa da Morte.

Con todo, a líder frontista chamou á "cautela" antes de coñecer "todos os detalles da resolución", que, na súa opinión, debe ser remitida ao Parlamento galego "porque é clave" que a decisión da Xunta "blinde" as centrais "e calquera intento de venda" para que a empresa "non tente conseguir por outras vías o que é evidente que non se pode facer".

REINVESTIR NA COMARCA

Así mesmo, instou ao Goberno galego a esixir a Ferroatlántica que os beneficios que ofrecen as centrais hidroeléctricas sexan reinvestidos na comarca para "renovar as fábricas" e "crear emprego".

"Moitos dos recursos que está a ter Villar Mir (na Costa da Morte) directamente invístense fóra do país, en Madrid, en urbanizacións na Castellana", censurou.

DEPUTACIÓN PERMANENTE

Por outra banda, a líder frontista avanzou que o seu grupo pedirá este venres na Deputación Permanente da Cámara galega a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que explique "cal é a súa estratexia" respecto da petición de transferencia da titularidade da AP-9.

Así, ve necesario que Feijóo esclareza en sede parlamentaria se "se vai a limitar a ofrecer escusas" para non presionar ao Goberno ou se, por contra, vai impulsar "unha estratexia de país" para "facer cumprir" a lei aprobada por unanimidade no Parlamento galego.

"Non é de recibo que (Feijóo) cada día cambie de opinión", incidiu Pontón, para logo engadir que a decisión de transferir a AP-9 para xestión autonómica é de carácter "político" e "non técnico".

PLAN DE TRANSPORTE

Ademais, na Deputación Permanente tamén se tratará outra proposta de comparecencia do xefe do Executivo autonómico a instancia do Bloque; esta, para que Feijóo ofreza explicacións sobre o novo plan de transporte por terra.

E é que, segundo Pontón, que non exista "ningunha oferta" para algunhas das liñas saídas a concurso "é a antesala" "dos problemas que vai provocar" a entrada en vigor do plan e do "impacto" que terá no transporte.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta