A Xunta adxudica outras 11 concesións do novo plan de transporte público de Galicia

A mesa autonómica do sector dótase de capacidade para resolver nas provincias se non hai acordo o día 2

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2017 | Actualizada ás 20:09 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia concluíu este xoves a adxudicación de 11 novas concesións de transporte público de Galicia, tras analizar a documentación adicional achegada polas empresas.

Estación de autobuses de Santiago, na primeira xornada de folga
Estación de autobuses de Santiago, na primeira xornada de folga | Fonte: Europa Press

Estas novas adxudicacións súmanse ás 27 realizadas este mércores, de forma que son xa 38 os contratos de transporte adxudicados a unha empresa ou unión temporal de empresas (UTE).

A Consellería de Infraestruturas informa a través dun comunicado de prensa que completará o proceso coa adxudicación do tres concesións restantes, que prevé "para os próximos días".

Este xoves, as adxudicacións correspóndense con servizos na Limia, Verín, Lugo-Ourense-Vigo, Pontevedra-Bueu-Cangas-Vigo, O Grove-Pontevedra, O Grove-Vilagarcía de Arousa, Marín-Pontevedra, Boiro-Noia, A Coruña-Lugo-A Mariña, Cedeira-Ferrol e Lalín-Monforte-Lugo.

Fontes do sector consultadas por Europa Press destacan que na maioría das concesións dáse unha "continuidade" con respecto ás empresas que viñan prestando os servizos ata agora, con excepcións como algunha liña da Mariña.

NEGOCIACIÓNS CONVENIO

Por outra banda, este xoves volveuse a reunir a mesa autonómica que integra a sindicatos e patronal, que decidiu dotarse de capacidade para tomar algún tipo de resolución se o próximo 2 de agosto non hai acordo nas provincias para renovar os convenios.

Tras cinco horas de encontro, de novo no Consello Galego de Relacións Laborais, as partes valoraron o mellor "ambiente" que se respira nas conversacións desde o nomeamento de mediadores nas mesas provinciais.

Aínda que só A Coruña logrou subir do incremento do 2% dos soldos pactado como mínimo para toda a comunidade, fontes sindicais consultadas confiaron en "poder sacar algo para adiante" durante os próximos días.

As próximas citas están previstas para o luns 31, na Coruña, Pontevedra e Ourense --a máis conflitiva, posto que aquí os empresarios non están dispostos nin a conceder esa subida do 2%--, mentres que o martes 1 desenvolverase en Lugo.

Xa o 2, centrais e federacións volverán verse as caras en Santiago, data que será clave (a seis días da entrada en vigor dos novos contratos) para coñecer se hai unha volta ao conflito que a finais de xuño e comezos de xullo levou á folga aos traballadores.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta