Gómez Noya, dobre cita no Canadá

O triatleta galego, terceiro na clasificación das Series Mundiais, buscará o podio este sábado en Edmonton (23.05 hora galega) sobre distancia esprinte e repetirá unha semana despois en Montreal en distancia olímpica.

Por gcdeportes | Pontevedra | 28/07/2017 | Actualizada ás 09:40

Comparte esta noticia

Dúas citas consecutivas no Canadá para Javi Gómez Noya, este sábado (23.05 hora galega) en Edmonton e a seguinte fin de semana en Montreal, por primeira vez na historia das Series Mundiais de tríatlon dúas probas en fins de semana seguidos no mesmo país.

Gómez Noya, por detrás de Alarza, Mola e Murray, principais rivais en Edmonton.
Gómez Noya, por detrás de Alarza, Mola e Murray, principais rivais en Edmonton. | Fonte: triathlon.org

Gómez Noya, pentacampión mundial e catro veces campión de Europa, buscará en Edmonton sobre distancia esprinte (750 metros de natación, 20 quilómetros en bicicleta e cinco de carreira a pé) o podio ao que non puido subirse en Hamburgo, tamén en distancia esprinte, onde foi quinto tras verse superado no último quilómetro por tres rivais. Unha semana despois, a proba de Montreal sobre distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 de carreira a pé), que se axusta mellor as carácterísticas do triatleta ferrolán.

Gómez Noya vai terceiro na clasificación do Mundial con 2.448 puntos, por detrás do mallorquino Mario Mola, vencedor en Gold Coast, Yokohama e Hamburgo e primeiro con 2.864 puntos, e do talaverán Fernando Alarza, segundo con 2.743 puntos. O galego non sobe ao podio dende a súa vitoria en Abu Dhabi no arrinque do Mundial a principios de marzo. Agora, loitará por facelo na sexta proba das Series Mundiais, na que Mario Mola sairá de novo como favorito.

Malia a todo, Javi Gómez Noya declarou tras acabar quinto en Hamburgo que o seu principal obxectivo do curso será o Mundial 70.3 Ironman (media distancia), que se disputará en Chatanooga (Tennessee, EUA) o vindeiro 10 de setembro. Quince días antes será a oitava proba das Series Mundiais en Estocolmo e xusto unha semana despois, o 17 de setembro, a gran final do Mundial en Rotterdam (Holanda).

En Edmonton, ademáis de Mola e Alarza, os principais rivais serán o surafricano Richard Murray, quinto no Mundial con 1.827 puntos; o francés Vincent Luis (sétimo, con 1.715), o noruegués Kristian Blummenfelt (oitavo, 1.656) e o australiano Jacob Birtwhistle (noveno, 1.392), que foi segundo en Hamburgo. Sen esquecer a Jonathan Brownlee, presente en Edmonton despois de caerse a última hora da proba de Alemaña hai quince días por un problema cos niveis de magnesio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta