Temas: XORNALISMO

Ames é o primeiro concello en regular o diñeiro que inviste nos medios de comunicación

Aproba a primeira lei de publicidade institucional dos concellos galegos que terá en conta a difusión e audiencia (máximo 5 puntos), as condicións do medio (máximo 4 puntos), contidos en galego (máximo 7 puntos), responsabilidade social (máximo 5 puntos), e tarifas (máximo 15 puntos). Representantes de medios locais piden que se teñan tamén en conta medidores diferentes aos actuais porque “non contabilizan os medios locais, comarcais ou dixitais”.

Por Galicia Confidencial | Ames | 29/07/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Nin a Xunta, nin ningunha deputación, nin tan sequera os grandes concellos galegos teñen sido tan ambiciosos. Tivo que ser o Concello de Ames, na área metropolitana de Santiago e de pouco máis de 30.000 habitantes, o que aprobara a primeira lei de publicidade institucional dun ente local en Galicia. Un proxecto no que a Xunta leva anos traballando e non dá presentado.

A Xunta destina millóns de euros en subvencións aos medios galegos
A Xunta destina millóns de euros en subvencións aos medios galegos

A nova lei é unha iniciativa pioneira do goberno municipal para regular o investimento municipal neste eido. Estas bases establecen os criterios e mecanismos que rexen a contratación de publicidade institucional.

A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, explicou que “estas son unhas bases para orientar o que é a adquisición dos espazos publicitarios institucionais no que son os diferentes medios de comunicación. Estas bases teñen catro obxectos principalmente que son regular a contratación da publicidade institucional municipal, dotar de transparencia e permitir a fiscalización das relacións entre o concello e os medios de comunicación en materia de publicidade institucional, garantir a utilidade pública e a racionalidade na distribución da publicidade oficial, e contribuír á consolidación dun espazo de comunicación plural”.

As devanditas bases están estruturadas en tres partes. Na primeira recóllese a definición que está baseada na lei de publicidade, na segunda parte recóllese o procedemento que se vai a seguir cando se trate de contratos menores de publicidade, e na terceira é última parte recóllense os criterios que se van a ter en conta para contratar a publicidade como son a difusión e audiencia (máximo 5 puntos), as condicións do medio (máximo 4 puntos), contidos en galego (máximo 7 puntos), responsabilidade social (máximo 5 puntos), e tarifas (máximo 15 puntos).

Novidades

Vaquero tamén dixo "que se trata dunha actuación absolutamente novidosa xa que hai contratos e pregos para grandes contratos de publicidade, pero no que se refire a contratos menores e a criterios como estes non vin nada semellante". "Nos inspiramos nunha proposta que fixo Compromís para o Concello de Alacant pero que entendo que non foi aprobada", engadiu.O concello busca con esta lei "transparencia, obxectividade, pluralidade e influír na medida do posible nos medios para que se son bos sexan aínda mellores para Ames e para o país”. 

Presentación da lei de publicidade institucional do Concello de Ames
Presentación da lei de publicidade institucional do Concello de Ames | Fonte: Concello de Ames

Ademais da concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, a presentación desta iniciativa correu a cargo do alcalde de Ames, José Miñones e da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero. Tamén acudiron Xaime Leiro, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Xurxo Salgado, da Asociación de Medios en Galego. 

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou que “estas bases son un xeito de ampliar a pluralidade e dar cabida tanto aos grandes medios galegos como aos medios de ámbito comarcal e local”. Ademais Genma Otero ofreceu os datos de gasto en publicidade e propaganda dos tres últimos anos. Así en 2014 gastáronse 34.000 euros, en 2015 o gasto feito neste eido foi de 36.500 euros, mentres que en 2016 gastáronse 31.700 euros. 

Ter en conta aos medios locais

No acto estiveron presentes representantes de varios medios locais que destacaron a necesidade de que se teña en conta aos medios locais e as súas necesidades. Así, lembraron que, actualmente, non hai medidores de audiencias nin en papel, nin en radio, nin en TV, nin en Internet dos espazos locais. Neste sentido, reclamaron que a nova lei teña en conta estas cuestións e non sirva para financiar só aos grandes medios de comunicación, “que son os que xa se viñan beneficiando ata agora destas axudas”.

Neste sentido, Isabel Vaquero comprometeuse a manter unha nova xuntanza a final de ano con todos eles para avaliar o funcionamento da lei e tentar corrixir aqueles aspectos que non funcionen.

Temas: XORNALISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Gamela

4 Mexicolindo

Todo o contrario que o Concello de Pontevedra. Ninguén sabe o que gasta nin en quen o gasta, din uns e, outros, dín que ben se sabe en que o gasta e con quen o gasta. Eu o que vexo e propaganda e autobombo.

3 Amóñimo

Os concellos non fan leis. Non teñen competencias lexislativas. Será unha ordeanza ou un regulamento municipal.

2 Ben feiro

Hai quen fai ben as cousas e logo está o PP que o único que fai ben é meter cartos públicos en petos privados...

1 Espinete

Dependendo do anuncio deberíase ponderar a audiencia local, autonómica ou estatal. Un pouco complicado sería achar eses datos pero van por bo camiño. Bravo Ames!