Temas: BOMBEIRO

Os bombeiros galegos piden unha xestión pública do servizo e a equiparación salarial

Acusan á Xunta de tentar “amedrentar” aos traballadores que “levan anos sufrindo o xugo e as condicións da xestión das empresas privadas”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/07/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia reclaman o cambio de xestión dos servizos e emerxencias privatizados. Piden un sistema público “por ser mais eficiente e xusto para a cidadanía, máis adaptable ás necesidades futuras e máis social, pero tamén e sen ningunha dúbida, máis xusto e garantista para os propios traballadores”.

Manifestación dos bombeiros contra a privatización
Manifestación dos bombeiros contra a privatización | Fonte: CIG

Nun comunicado, este colectivo denuncia as “hipocresías” da Xunta e reclama, ademais, a equiparación salarial de todos os traballadores, xa que os bombeiros de Ourense cobran 3.000 euros anuais máis que os seus colegas do resto das provincias.

Unha situación da que responsabiliza directamente ao conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, a quen acusa de tentar “amedrentar” aos traballadores e traballadoras que, din, “levan anos sufrindo o xugo e as condicións da xestión das empresas privadas, que se lucran a mans cheas de concesións nas que prevalece o interese económico sobre a calidade e eficiencia”.

“Esta estratexia do medo non é nova por parte da Xunta. Dende que se iniciou o proceso de reversión da xestión do servizo os bombeiros comarcais reciben mensaxes directa ou indirectamente de que quedaran sen posto de traballo e que sería mellor unha suba salarial e non alterar o modelo”, indica.

Responsabilidades

Neste sentido, din que á Xunta non lle preocupa a estabilidade do colectivo cando as empresas expedientaron ou despediron a compañeiros de modo arbitrario ou cando outros compañeiros “sexan despedidos porque a empresa considere que non son produtivos”.

“Non lles preocupa que, ao contrario do resto do colectivo, os bombeiros de xestión privada teñan que xubilarse aos 65 ou 67 anos. Nin lles interesa advertir que no modelo de xestión indirecta nun cambio de concesión a priori nada forza a que se obrigue á empresa adxudicataria á subrogación do 100% do persoal”, critican. Por iso, pídenlle á Xunta un cambio de modelo actual e instan ao conselleiro da Presidencia a manter unha xuntanza con eles para avaliar a súa actual situación.

Temas: BOMBEIRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta