Temas: CAN

Venden supostamente cans de caza a través das redes sociais por 1.200 euros sen ningún control

Animalistas alertan do auxe do comercio de animais de compañía a través deste tipo de métodos. Denuncian que estas prácticas tamén fomentan o abandono de animais, que supuxo un gasto para as administracións públicas de "3 millóns" de euros o pasado ano

Por E.P. | Vigo | 30/07/2017 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A asociación animalista Libera alertou ante o auxe do comercio e intercambio de animais de compañía a través de páxinas nas redes sociais e aplicacións para dispositivos móbiles, polo que instaron á Xunta a saír ao paso destes "novos fenómenos" e incluír algún tipo de regulación para estas prácticas no Proxecto de Lei de Protección Animal que prepara o Executivo autonómico.

Páxina de facebook de venda de animais
Páxina de facebook de venda de animais | Fonte: Europa Press

A través dun comunicado emitido este domingo, Libera e a Fundación Franz Weber (FFW) advirten da "presenza crecente" das transaccións de animais de compañía --"en especial cans explotados para tarefas cinexéticas"-- a través de páxinas nas redes sociais que, nalgúns casos, suman "máis de 2.800 membros".

"Con faltas de ortografía e unha impunidade administrativa absoluta, grupos dunha coñecida rede social difúndense como 'Venda e cambio de cans de caza en Galicia' ofrecendo cachorros por 120, 300 ou ata 1200 euros, sen que exista ningún control sobre a orixe, situación legal do vendedor ou mesmo garantías de saúde dos propios animais", denuncian no seu comunicado, no que aseguran que, nalgúns casos, os usuarios chegaron a propoñer "o intercambio de cans por consolas".

Deste xeito, tras lembrar que o actual marco normativo "é incapaz de dar resposta a estes novos fenómenos de comercio, os animalistas instaron á Xunta "a avanzar na tramitación do Proxecto de Lei de Benestar Animal" que, no seu borrador, "xa contén importantes cambios" na lexislación "como a identificación obrigatoria do vendedor co número de rexistro no territorio autonómico".

Así, as autoridades terían que dar o visto e prace á venda do animal. Ademais, a nova normativa crearía un rexistro obrigatorio para criadores e vendedores, "posúan un establecemento como tal ou non".

Cans abandonados en Castroverde (Lugo)
Cans abandonados en Castroverde (Lugo)

"O comercio ilegal a través destes medios non só produce un prexuízo para os animais, que son ofrecidos como simples mercadorías, senón tamén ao erario público, xa que ningunha destes actos de compravenda xeran tributación fiscal, ademais de que os propios vendedores realizan o labor dunha forma irregular, sen devengar liquidacións por IRPF ou IAE", alertan os animalistas.

ABANDONO ANIMAL

Así as cousas, advertiron que "a compra compulsiva é responsable dunha porcentaxe crecente do abandono animal en Galicia", xa que, segundo as súas estimacións, "polo menos o 10% destas situacións estarían motivadas pola perda de interese no can ou gato, ou por non reflexionar sobre as obrigacións da súa custodia".

Unha realidade que, ademais, tamén supón un gasto para as administracións públicas que, segundo estes colectivos, gastou "preto de tres millóns de euros" o pasado ano en licitar centros de recollida, cubrir a manutención dos animais aloxados nestas instalacións, así como en fomentar o proceso de adopción posterior.

Temas: CAN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eu mesmo

Non sei si o problema serán as faltas de ortografía, porque é alucinante ler "cans explotados para tarefas cinexéticas"!!!. De certo algún listo redactou tal barbaridade cun i-phone fabricado nos USA por operarios con rendas do traballo mensuais duns 10.000 $ (modo ironía off).