Temas: RAG

A RAG incorporará a outra muller, Chus Pato

A Academia destaca que avanza "na necesaria e enriquecedora incorporación das mulleres á vida da institución". A poetisa ourensá ocupará a vacante deixada por Xosé Fernández Ferreiro, falecido en 2015.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2017 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) incorporará á poetisa ourensa Chus Pato como nova membro da institución o próximo 23 de setembro, día no que lerá o discurso de ingreso nunha cerimonia que terá lugar no IES Otero Pedrayo, centro do que foi alumna.

A poetisa Chus Pato lerá o seu discurso de ingreso en setembro.
A poetisa Chus Pato lerá o seu discurso de ingreso en setembro. | Fonte: Europa Press

Así, Chus Pato ocupará a vacante deixada tras o falecemento a finais do ano 2015 do escritor, tamén ourensán, Xosé Fernández Ferreiro. Segundo manifestou a RAG nun comunicado, "a Academia avanza na necesaria e enriquecedora incorporación das mulleres á vida da institución". Sinalou, ademais, que a RAG "nútrese con novas perspectivas desde distintos ámbitos do mundo da lingua e da cultura".

Doutra banda, tamén se celebrará a incorporación de Mariña Mayoral como académica de honra. A catedrática xubilada da Universidade Complutense de Madrid, novelista e columnista, foi elixida no Pleno do pasado 17 de xuño. A Mayoral, súmanse outro sete nomeamentos.

Ingresará na institución o xaponés Tekekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores galegos, o que o coloca, en palabras da RAG, como un "auténtico embaixador da cultura de Galicia".

Tamén se sumará o lingüista brasileiro Marcos Bagno, profesor da Universidade de Sao Paulo, ademais de tradutor e escritor. O docente é coñecido por ser defensor dunha nova visión do portugués na que se subliña a orixe galega.

As luguesas Olga Castro e Helena Villar Janeiro son outros dos sete nomeamentos. Castro é profesora de estudos de tradución na Universidade de Aston, en Inglaterra, e especialista na interacción de xénero, linguaxe e tradución. Villar Janeiro, pola súa banda, está considerada como unha das escritoras pioneiras de literatura infantil en galego.

Continúa a lista Helena González, natural de Vigo. É profesora de galego e directora do 'Centre de Recerca ADHUC-Teoria, Gènere, i Sexualitat' da Universidade de Barcelona; as súas liñas de investigación céntranse na crítica literaria feminista, a cultura popular ou as relacións culturais entre Galicia e Cataluña.

Por último, completan as designacións da Academia a profesora e xefa de Estudos Hispánicos da Universidade de Warwick, en Reino Unido, Kirsty Hooper; e Helena Zenova, doutora en Filoloxía Española pola Universidade Estatal de San Petesburgo, na que exerce como profesora.

Temas: RAG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta