Temas: AP-9 FEIJóO

Novo choque entre a Xunta e a oposición pola “submisión” de Feijóo a Madrid coa AP-9

En Marea, PSdeG e BNG acusan ao ministro De la Serna de vir a Galicia a entregar “esmola” e denuncian que Feijóo só “recibe” ordes de Madrid sen que se cumpran os compromisos do Goberno central co país.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/07/2017 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

A transferencia da autoestrada do Atlántico, a AP-9, a Galicia provocaría "pasos" similares noutras comunidades autónomas, o que levaría un "certo desmantelamento" da rede viaria estatal. Iso é o que dixo o ministro de Fomento, Íñigo Gómez de la Serna, na xuntanza que este luns mantivo en Santiago co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que se abordou unha petición que foi unánime na Cámara galega. Unha resposta que puxo en pé de guerra a toda a oposición que denunciou unha nova submisión da Xunta.

Sinal da peaxe na AP-9
Sinal da peaxe na AP-9 | Fonte: A Mesa

Para o ministro, a cesión desta autoestrada, que ten unha das peaxes máis caras de todo o Estado, supón que se “desintegre” a rede viaria do Estado, a pesar de que, o propio Estatuto de Atuonomía de Galicia recolle a transferencia de todos os viais que agora xestiona o Estado. É a segunda negativa do Goberno central a que Galicia xestione a AP-9 e, desta volta, nos fuciños do propio presidente galego. De la Serna insistiu en que debe ser o Congreso dos Deputados onde se debata esta iniciativa aprobada por unanimidade no Parlamento galego. 

E Alberto Núñez Feijóo, a pesar de incicidir en que o seu equipo non renuncia a esta demanda, deulle a razón ao ministro en contra das reclamacións do seu propio grupo e do conxunto dos partidos do Parlamento galego utilizando o argumento de Cataluña. “Nun momento de tensións territoriais coa deslealdade máxima por parte dunha autonomía --á que non mencionou explicitamente--, hai que apoiar ao Goberno de todos", dixo.

Feijóo, a “recibir ordes de Madrid”

Unha sumisión a Madrid que non gustou nada entre os grupos da oposición que criticaron que o ministro veña a Galicia a dar “esmola”. O voceiro de En Marea, Luís Villares, denunciou o “veto que pon o PP en Madrid a transferencia ao noso país” advertiu.

De la Serna e Feijóo, en Santiago
De la Serna e Feijóo, en Santiago | Fonte: EP

Así, considerou que o presidente da Xunta de Galicia está convertido “nun delegado do Goberno e que como tal limítase a recibir ordes de Madrid”. “Anterior visita de De la Serna foi para dicir que os prazos do AVE nada de nada, a seguinte cando foi Feijóo para dicir que da transferencia da AP-9 nada. De que lle sirve a Galicia ter un presidente en maioría”, declarou Villares.

Así, lembrou que os veciños e veciñas de Oroso están protestando porque a apertura do último tramo da autopista entre Oroso e Santiago ábrese cunha peaxe de 1,60 euros. “Unha vez máis estanse a pisar os dereitos da cidadanía que lonxe de ver que se está a xestionar de xeito coherente e en beneficio da veciñanza o que se fai e cargar unha vez máis contra á cidadanía”, indicou en rolda de prensa.

Recuperar a credibilidade

Tamén portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, pediulle a Feijóo que "recupere a credibilidade" e esixa a Madrid a retirada do "veto" do Goberno á tramitación no Congreso da lei de transferencia da AP-9 a Galicia.

Nunha roda de prensa, e con motivo da visita do ministro a Galicia, Fernández Leiceaga dixo a Feijóo que "todo o demais" en relación a esta infraestructura será "unha decepción e unha claudicación". "O ministro veu a Galicia a lavar a cara, pero con pouco xabón", subliñou o socialista, para quen os seis millóns comprometidos polo Goberno para asumir as peaxes da Barcala e Rande son "unha esmola" en comparación coa "redución do investimento" na comunidade. "Esixímoslle ao presidente da Xunta que restitúa a credibilidade de Galicia e reclame a retirada do veto", indicou.

Leiceaga tamén se referiu á apertura do enlace da AP-9 en Sigüeiro, que atribuíu á presión veciñal despois de que estivese "terminado fai un ano", durante a "precampaña". En relación tamén á AP-9, Leiceaga criticou que enlaces como o de Ordes "non os paga Fomento", si non que os van a pagar todos os galegos cunha subida de peajes anunciada para 2018", aínda que "os inaugure o ministro".

Feijóo “de ganchete” do ministro

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou contra o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, por ir este luns "de ganchete" co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, "aplaudindo os incumprimentos" do Goberno central con Galicia en materia de infraestruturas.

Así, insistiu en que Galicia está "discriminada" por parte da Administración central respecto doutros territorios do Estado. "Por respecto e dignidade, (De la Serna) hoxe tiña que anunciar o levantamento do veto ao traspaso da AP-9", aseverou a nacionalista, para logo incidir en que é "vergoñoso" que o Goberno español bloquee o debate nas Cortes da lei galega para a transferencia desta infraestrutura, aprobada por unanimidade no Pazo do Hórreo.

Para Pontón, a visita de De a Serna --"o ministro dos atrasos do AVE"-- é "o vivo retrato da discriminación do Estado con Galicia", exemplificada nun "regueiro de incumprimentos" mentres outros territorios como o País Vasco, Cataluña ou Madrid levan "investimentos millonarios". Por todo iso, reclamou "compromisos reais e menos propaganda" por parte do Ministerio de Fomento, ao que pide "un plan urxente de investimentos" en Galicia que estableza un "calendario claro" para o cumprimento dos prazos de execución.

Feijóo e de La Serna no Pazo de Raxoi
Feijóo e de La Serna no Pazo de Raxoi | Fonte: EP
Temas: AP-9 FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

8 Feixó fóra

O presidentiño deberia demitir inmediatamente, xa abonda de bulrarse dos galegos...

7 Un burro

Canto burro debe haber en Galicia para que este presidente gañe por maioría absoluta... Pena que só uns listos sexan os que realmente saiban o que precisa o país, pero entre todos os partidos que aglutinan os votos dos listos non acaden a superar os dos burros. Ou ao mellor resulta que os listos non son tan listos e os burros tan burros.

1 PoisClaro

Certo que os listos non son nada listos pero os burros son burrísimos. Eis o drama.

6 anonimo

Canto xogo vai dar isto ata o 2048.

5 Fendeferro

Feijoo nin sequera defende a dignidade do Parlamento galego. É un vasalo de intereses alleos a Galicia.

4 anonimo

"O Presidentiño de cartón".